A viga de formigón máis grande de Europa, a proba nos laboratorios da Universidade da Coruña
Polas súas dimensións, 12 metros de longo, 2 de canto e 24 centímetros de grosor, é a maior viga ensaiada en laboratorio en Europa. Sométese a unha proba de rotura controlada para comprobar por onde rompe e cantas toneladas de carga son necesarias para que iso ocorra.
A viga é monitorizada por un equipo de investigadores. Tómase nota de cada fisura que vai aparecendo e da súa traxectoria. O ensaio forma parte dun proxecto de I+D, financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación, que busca predicir o comportamento das estruturas de formigón e ampliar a súa vida útil.
Despois de duas horas, a viga rachou cunha carga de 973 quilonewtons, é dicir, 97,3 toneladas, un pouco por debaixo do agardado polos investigadores, que a partir de agora deberán analizar todos os datos recollidos durante a proba.