CRTVG

Buscar

O decreto da nova normalidade estará vixente ata que haxa unha terapia eficaz

Publicado o 10/06/2020 09:52

Metro e medio, máscara e control sanitario: o BOE detalla a pospandemia

• Desde o 21 de xuño poderemos movernos por toda España

• A lei, apoiada por Cs e PNV, establece que as residencias terán que estar coordinadas cos sistemas sanitarios

 

O Consello de Ministros aprobou este martes o real decreto lei que regulará a saída do estado de alarma e a nova normalidade tras a pandemia do coronavirus, unha norma que o Goberno quere validar sen obstáculos no Congreso e que estará vixente, segundo avanzou o ministro de Sanidade, Salvador Illa, ata que haxa unha terapia eficaz.

Illa dixo que esta nova normalidade rexerá ata que o Goberno tome unha decisión motivada, previa deliberación no Consello Interterritorial de Saúde, que xustifique que se levanten as medidas de prevención, cando o virus quede "definitivamente derrotado".

O ministro de Sanidade confía en que toda España poida entrar na nova normalidade o 21 de xuño.

"Se as cousas evolucionan na liña que están evolucionando, o 21 de xuño vanse dar as condicións para que en toda España se poida entrar nunha nova normalidade e polo tanto se lle dea fin ao estado de alarma e se levanten as restricións de moiblidade tal e como as coñecemos, dixo Illa.

Explicou que se introduciron varias achegas no texto que regulará esa estapa, en virtude das negociacións coas comunidades autónomas e os grupos políticos.

"Quixémolo facer co maior número de achegas para que o texto fose consensuado o máximo posible", dixo Salvador Illa.

O Executivo, de feito, conseguiu o apoio de varios partidos para esta convalidación. Hoxe mesmo acadou o de Ciudadanos, que votará a favor no Congreso logo de conseguir "melloras" no texto, segundo o voceiro laranxa Edmundo Bal.

Onte pola noite lograba xa o acordo co PNV, que comprometeu o seu voto a favor como fixo na última prorrogación da alarma.

Está a falarse igualmente con ERC, aínda que fontes do Executivo admiten que neste caso a negociación está a ser máis difícil.

Na nova normalidade seguirán vixentes algunhas das medidas de protección do estado de alarma, como a obrigatoriedade do uso das máscaras, e fíxase definitivamente en 1,5 metros a distancia de seguridade.

Haberá sancións de ata cen euros para quen non cumpra a dita obriga en espazos pechados. O uso das máscaras é obrigatorio para maiores de seis anos "na vía pública, en espazos ao aire libre e en calquera espazo pechado de uso público ou que se atope aberto ao público, sempre que non resulte posible garantir o mantemento" dunha distancia física de seguridade fixada finalmente en 1,5 metros.

Igualmente é obrigatorio usala nos medios de transporte aéreo, marítimo, en autobús, ou por ferrocarril, e nos transportes públicos e privados complementarios de viaxeiros en vehículos de ata nove prazas, incluído o condutor, se os ocupantes dos vehículos de turismo non conviven no mesmo domicilio.

Illa tamén dixo que se habilita tanto a Aena como a Portos do Estado para que reforcen o persoal destinado a controlar parámetros de saúde nos visitantes que cheguen ao país, e anunciou que o Goberno compensará o desembolso que teñan que facer para afrontar estas medidas.

Ademais, respecto da volta da liga de fútbol profesional e da liga ACB de baloncesto, será o Consello Superior de Deportes o que decida as medidas de seguridade, tras consultalo coas autonomías e co Ministerio.

A COVID-19, enfermidade producida pola infección do virus SARS-CoV-2, é unha enfermidade de declaración obrigatoria urxente segundo este borrador. Isto supón que haberá que "facilitar á autoridade de saúde pública competente todos os datos necesarios para o seguimento e a vixilancia epidemiolóxica" do virus que se requiran, "no formato adecuado e no tempo oportuno, incluídos, no seu caso, os datos necesarios para identificar a persoa".

A obriga afectará a todas as administracións públicas e a todos os centros públicos ou privados que dependan delas e cuxa actividade "teña implicacións na identificación, diagnóstico, seguimento ou manexo dos casos COVID-19", especialmente todos os servizos e establecementos sanitarios e sociosanitarios, e mais os profesionais sanitarios que traballan neles.

Os servizos de saúde das comunidades autónomas terán que garantir, así mesmo, en todos os niveis da asistencia e, en especial, na atención primaria, que "a todo caso sospeitoso de COVID-19 se lle realizará unha proba diagnóstica por PCR ou outra técnica de diagnóstico molecular tan pronto como sexa posible desde o coñecemento dos síntomas".

"Total e plena confianza" en Simón

O ministro de Sanidade expresou a súa "total e plena confianza" no doutor Fernando Simón polo "traballo magnífico" realizado polo Centro de Alertas Sanitarias durante a pandemia.

A preguntas dos xornalistas, Illa negouse a avaliar os informes da Garda Civil sobre o 8M. "Non vou entrar nun proceso xudicial en curso", dixo, pero puntualizou que o 8 de marzo España estaba en fase "de contención, non de mitigación" da pandemia, conforme aos datos de incidencia do coronavirus no país proporcionados polas comunidades autónomas. 

As residencias deberán coordinarse cos servizos sanitarios autonómicos

Os centros residenciais de maiores ou de persoas con discapacidade e os de emerxencia, acollida e pisos tutelados para vítimas de violencia de xénero deberán estar coordinados cos recursos sanitarios das comunidades autónomas cando conclúa o estado de alarma. 

No seu artigo 10, a lei establece que as administracións competentes deberán asegurar que os titulares dos centros de servizos sociais de carácter residencial e de día velen "para que a súa normal actividade se desenvolva en condicións que permitan en todo momento previr os riscos de contaxio".

Os centros residenciais de persoas con discapacidade e de persoas maiores, en que o coronavirus se comportou con especial virulencia, e mais os centros de emerxencia, acollida e pisos tutelados para vítimas de violencia de xénero e outras formas de violencia contra as mulleres deberán estar coordinados na nova normalidade cos recursos sanitarios do sistema de saúde da comunidade autónoma en que se sitúen.

Os seus titulares terán que contar con plans de continxencia por COVID-19 orientados á identificación precoz de posibles casos entre residentes e traballadores e os seus contactos, e activará no seu caso os procedementos de coordinación coa estrutura do servizo de saúde que corresponda.

E tamén, e esta é unha novidade respecto ao borrador que se deu a coñecer o pasado venres, terán que adoptar "as medidas organizativas, de prevención e hixiene en relación cos traballadores, usuarios e visitantes, adecuadas para previr os riscos de contaxio" e garantir "a posta ao dispor de materiais de protección adecuados ao risco".

Situación "escandalosa" nas residencias

O vicepresidete do Goberno asegurou que os datos que se están coñecendo sobre as residencias de anciáns na Comunidade de Madrid "son graves", en relación con informacións publicadas que denuncian que o goberno madrileño deu a orde de non trasladar aos hospitais anciáns enfermos. Iglesias dixo que "o escándalo non é opinable; é unha situación obxectivamente escandalosa". Engadiu que "non é unha cousa que estea dicindo o Goberno de España, dío o propio conselleiro de Asuntos Sociais do Goberno de Ayuso".

Iglesias defendeu o papel do seu departamento. "Fixemos o que tiñamos que facer, démoslles 300 millóns ás comunidades autónomas para que contrataran persoal, fixemos propostas para que a orde do Goberno dese a mesma consideración ao persoal das residencias que ao persoal sanitario á hora de repartirlles equipos de protección persoal e axudamos a tramitar a intervención da Unidade Militar de Emerxencias, a petición das residencias," para a desinfección dos centros.