CRTVG

Buscar

A Revista

A Vía de Künig. Ruta alternativa ao Camiño Francés nos Ancares

Publicado o 31/07/2015 13:19

Temos unha proposta para todos os peregrinos que veñen a Compostela durante estes días. Un grupo de investigadores dos Ancares están realizando as xestións oportunas para que a Xunta de Galicia faga oficial unha nova variante do Camiño de Santiago. Nova, pero ben antiga, xa que foi descuberta por este colectivo lucense nun manuscrito datado no século XV.

No ano 1495, un monxe de Alsacia chamado Herman Künig escribiu unha guía sobre a súa peregrinación a Compostela, seguindo unha ruta alternativa ao trazado francés a través dos Ancares. Hoxe en día, unha asociación do lugar traballa pola difusión e recoñecemento da Vía de Künig como variante oficial do Camiño de Santiago.

Os membros do colectivo levan meses recollendo referencias orais co obxectivo de delimitar o trazado actual da ruta. Entrando en Galicia, Künig recomendaba aos camiñantes abandonar o Camiño Primitivo ao chegar a Pedrafita, para facilitar así o percorrido pola zona. Outra das paradas obrigatorias na Vía de Künig é o mosteiro de Penamaior, en Becerreá. Un antigo hospital para peregrinos onde se atopaban os documentos medievais que confirmaban a existencia desta variante do Camiño. A partir de aquí, o sendeiro transcorría polos concellos lindeiros, que aínda amosan vestixios do seu pasado como vía de peregrinación.

"A ruta descrita polo monxe de Alsacia como alternativa ao Camiño Francés aproveita as antigas vías romanas e camiños medievais. Deste xeito, atravesa os concellos de Baralla e Becerreá, por lugares como a derruída igrexa de Nantíns, ata chegar á cidade de Lugo, onde enlaza co Camiño Primitivo".

Unha vez achegada toda a documentación, Xabier e os demais membros do colectivo agardan que o proceso de oficialización e acondicionamento da ruta se leven a cabo a curto prazo.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

A Revista

31/07/2015