A 'velutina' xa é unha praga asentada e a maior ameaza para a abella
Foi en 2013 cando chegaron a Galicia os primeiros exemplares de avespa 'velutina'. Nestes sete anos, o insecto de orixe chinesa xa se converteu nunha praga coa que, segundo os apicultores, haberá que aprender a convivir.
Este ano agárdase que ataque de xeito forte nas comarcas apícolas, especialmente durante este mes e o de outubro, que é cando se recolle o mel. Seguir poñendo trampas máis ou menos especializadas semella ser o único recurso para defender as colmeas dos ataques da 'velutina'.
"O trampeo que se fai agora é só para reducir o número de velutinas. O realmente efectivo é o que se fai en primavera, cando as raíñas comezan a criar.", explica Manuel Sande, da Asociación Lucense de Apicultura.
A 'velutina' converteuse no principal inimigo da abella, por riba do parasito varroa ou dos pesticidas. A avespa asiática ataca as colmeas para se alimentar do tórax das abellas, as que atrapa con facilidade polo seu maior tamaño e forza.
Así, unha presenza elevada de 'velutina' pode levar a que se perda ata o 70% da colleita de mel e doutros produtos da colmea, dado que as poboacións das colonias de abellas se ven moi reducidas.
"A velutina necesita a proteína que lle proporcionan as abellas. Neste tempo, coas colmeas cheas, é cando máis proteína obtén atacando as abellas.", engade Manuel Sande.
Os expertos lembran que, cando se detecta un niño de 'velutina' é fundamental afastarse do lugar e avisar a Protección Civil ou a profesionais da eliminación para que se fagan cargo del. Só así se evitan os riscos das picadas, que poden ser mortais.