CRTVG

Buscar

A variante Delta obriga a subir a vacinación ata o 85-90 % para lograr inmunidade grupal

Publicado o 22/07/2021 15:20

A desescalada precipitada antes do verán, a retirada da máscara en exteriores, a variante delta... son algunhas das razóns que explican esta quinta onda oda pandemia. Para freala, os expertos piden a poboación que, malia que non sexa obrigatoria en todos os casos, empreguen todo o que poidan a máscara tamén en exteriores.

Daniel López Acuña, epidemiólogo e exdirectivo da OMS di que "éfundamental usar a máscara, eu estou vacinado e uso a máscara en exteriores todo o tempo".

A variante delta, xa predominante, é moito máis transmisible incluso en exteriores, con persoas supercontaxiadoras.

Juan Gestal, profesor emérito de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC, cre que "son uns grandes transmisores, as persoas novas teñen unhas cargas virais moi elevadas. Van en realidade como dentro dunha nube e, se hai proximidade física, hai maior risco de contaxio, por isto hai esta transmisión tan rápida"
Daniel López Acuña. Epidemiólogo e exdiriectivo da OMS "Temos unha mutación dobre que a leva a ser máis contaxiosa e agresiva, e que con menos tempo de exposición produce un problema de infección".

A elevada contaxiosidade desta variante, entre o 40 e o 60 por cento máis que as anteriores, deixa lonxe conseguir esa ansiada inmunidade de rabaño no 70 %.
"Non coñecemos ben a duración da inmunidade, fainos supoñer que o 70% vai quedar curto, precisamos ter o 85 ou 90% da poboación inmunizada", asegura López Acuña.

Os expertos advirten de que esta quinta onda non só se remediará vacinando a xente nova, senón tamén con medidas de saúde pública e con restricións duras.

Noticias web

22/07/2021