CRTVG

Buscar

A vaga de calor intensifícase en España, con temperaturas de máis de 40 graos

Publicado o 27/06/2019 14:15

A vaga de calor intensifícase hoxe en case toda España e puxo en alerta unha ducia de comunidades autónomas. As temperaturas dispáranse pero o peor aínda se agarda a partir de mañá, cando está previsto que se superen os 42 graos.

Máis calor a partir de hoxe en trinta provincias de toda España. As temperaturas seguen subindo e en Biscaia e Guipúscoa decretouse xa a alerta vermella polo risco extremo que supón para a poboación este fenómeno de intensidade excepcional.

Con aviso laranxa, que alerta dun risco importante, están 17 provincias e outras once quedan con aviso amarelo. Boa parte do interior do país roldará hoxe os 40 graos.

Pero o peor da vaga de calor está por chegar e será a partir de mañá cando se rexistren as temperaturas máis altas que poden ser históricas para un mes de xuño e que se manterán toda a fin de semana.

A situación máis complicada estará en Navarra, a Rioxa e Zaragoza, onde se superarán os 42 graos. A Axencia Estatal de Meteoroloxía decretou aquí a alerta vermella que fixo extensiva a Huesca, Barcelona, Xirona e Lleida.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

27/06/2019