A vaga de calor en España chegou ao seu punto álxido
Abanicos, paraugas, hidratarse por dentro e refrescarse por fóra. A vaga de calor que afecta España chegou aos seus máximos.
"Súper mal, sen parar de suar", quéixase unha muller. "Cos nenos é imposible, non se soporta", di outra. "Quen teña casas antigas que se meta dentro", recomenda un veciño de Utiel, unha das localidades en risco extremo.
A calor puxo este sábado en alerta por risco extremo 16 provincias de 8 comunidades, coas máximas entre os 40 e os 46 graos. Noutras 7 autonomías deuse aviso de risco importante e andaron entre os 37 e os 44, nas horas centrais do día. De noite tampouco afloxa moito nin en puntos habitualmente frescos, como Cercedilla, na serra de Madrid. "Onte á noite tiñamos ás once 31 graos, cando o normal serían 20", dinnos un veciño.
Só libraron dos avisos a área cantábrica, algunhas zonas do litoral mediterráneo e a maior parte de Galicia. O que vemos é Colunga, en Asturias, onde de mañá se botaba man do paraugas contra a chuvia. "Non me incomoda. Eu veño fuxindo da vaga de calor", di unha visitante.
Na Aemet prevén que a vaga de calor empece a remitir gradualmente de norte a sur a partir do domingo pero non contan con dala por concluída en todo o territorio ata o martes.