A vacinación sen cita nos campus galegos ábrese a toda a poboación maior de 12 anos
• O sistema seguirá aberto este martes non só a estudantes e profesores, senón tamén ao resto da cidadanía
Empezou pensada para a comunidade universitaria, pero a vacinación sen cita nos campus galegos ábrese a toda a poboación. Fátima Dono, enfermeira, explica: "Trátase de facilitar a vacinación para que poida acceder calquera persoa que por calquera motivo non recibira ningunha dose. Que veña, e resolvémolo".
A maioría dos que acudiron este luns foron estudantes, que, por un ou outro motivo, estaban sen vacinar. "Pasei a covid−19, e dixéranme que non podía vacinarme ata que pasasen seis meses. Cando me chamaron non estaba na miña cidade, así que, veño aquí". "Cando me chamaron pilláronme en Portugal, e agora abriron esta posibilidade e aproveitámola".
Tamén atopamos universitarios que veñen a estudar a Galicia doutras comunidades, estranxeiros que residen en España ou persoas reticentes ata agora a vacinarse. "Non o teño moi claro, a verdade, pero pola presión social e familiar voume vacinar".
Os sete puntos de vacinación nos campus universitarios volverán estar operativos este martes. Abonda con levar unha tarxeta sanitaria ou simplemente un DNI ou un pasaporte para poder acceder á vacina. Tamén poderán poñer a segunda dose os que estean esperando por ela e en prazo para recibila.