CRTVG

Buscar

A vacinación dos 26.000 profesores menores de 55 anos remata esta semana

Publicado o 28/02/2021 15:35

Persoal docente da área sanitaria de Santiago agarda a súa quenda para vacinarse no hospital provincial de Conxo. Todos teñen menos de 55 anos e van recibir a primeira dose do fármaco de AstraZeneca.

"Véxoa como unha vacina que che pode dar reacción coma outra calquera. E, e se che dá, aguanta. Creo que é moito máis positivo poñela que non". "Non cambiarará nada porque tes que seguir gardando as distancias e manter o protocolo, pero obviamente creo que estás moito máis tranquilo porque non te pos en risco a ti nin os demais". Iso comentan dous mestres.

A vacinación avanza tamén no hospital clínico este domingo. Nove de cada dez profesionais convocados acoden á súa cita. 

"Chegoume unha mensaxe ao móbil para as dez e media e foi moi rápido, nada, moi puntuais. Puxéronnos a de AstraZeneca, e moi ben, hai que agardar quince minutos", di un profesor.

Pasados os quince minutos sen reacción, os máis marchan para a casa confiados en que as reaccións do fármaco sexan mínimas, como foron para moitos dos seus compañeiros xa vacinados nos últimos días.

"Aos meus compañeiros foilles ben: coma se fora unha gripe, pero sen febre nin nada. E puideron ir traballar. Eu agardo que me pase o mesmo".

O obxectivo é rematar a vacinación dos 26.000 proferores da educación publica menores de 55 anos esta semana. Nos próximos días comezarán a citar os mestres dos colexios concertados e privados.

Noticias web

28/02/2021