CRTVG

Buscar

O luns comeza a vacinación contra a gripe, que será simultánea coa da covid−19

Publicado o 14/10/2021 14:08

A campaña de vacinación contra a gripe en Galicia vai comezar este próximo luns 18 de outubro e vaise tratar de facer simultaneamente "sempre que sexa posible" coa terceira dose da covid−19.

O presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo explicou este xoves na conferencia de prensa posterior á reunión do Consello da Xunta que esa campaña se iniciará polos traballadores do Servizo Galego de Saúde e do resto de hospitais de Galicia e que a continuación seguirán o resto dos grupos diana para os que está recomendada esta vacina da gripe.

En concreto, a partir do 25 de outubro comezará a vacinación dos maiores de 65 anos e dos usuarios e traballadores de residencias de maiores. A partir do 15 de novembro irán os de 60 a 65, persoas con patoloxías de risco, embarazadas, prematuros de ata dous anos e persoal considerado esencial. Xa despois do 29 de novembro irán o resto de persoas.

En total, a Xunta adquiriu 885.000 dose da vacina contra a gripe, por un total de 5,3 millóns de euros, que serán administradas en 900 puntos de vacinación situados nos centros de saúde, hospitais ou residencias. O ano pasado vacináronse 840.000 persoas, un 28 % máis ca no 2019.

A vacinación coincidente coa terceira dose da covid−19 farase sempre que sexa posible, xa que, segundo recordou o presidente da Xunta, hai que agardar seis meses despois de poñer a segunda dose.

Noticias web

14/10/2021