CRTVG

Buscar

A autocita abre o mércores para os maiores de 50 que non se vacinaron

Publicado o 04/07/2021 09:22

• Desde o luns realízase unha proba do procedemento cos menores de 30 que se van de Erasmus

O sistema de autocita que pon en marcha a Xunta desde o vindeiro luns estará limitado aos menores de 30 anos que sexan estudantes erasmus. É unha vacinación anticipada. Por idade a súa quenda de inmunización sería probablemente en setembro ou outubro, momento no que xa non estarían aquí.

 "Os erasmus en Galicia son uns 2.000 e imos comezar con eles porque os temos localizados, temos unha excelente relación coas universidades e imos poder facer probas a partir do luns, que haxa 10 que se conecten, que funciona a autocita e a partir de ai o resto, empezamos con eles e unha vez que vexamos que isto funciona e que o sistema soporta as entradas dende fora iremos ampliando probablemente a outros estudantes nunhas condicións semellantes pero que non teñan a condición de erasmus", dixo o Conselleiro de Sanidade.

Poderán pedir a cita a través das web cita.sergas.gal ou esaude.sergas.gal e desde a aplicación Sergas Móbil. Haberá que identificarse coa tarxeta sanitaria ou co DNI. Tras comprobar que se cumpren cos requisitos poderase acceder ao apartado Campañas de Promoción da Saúde. Nun calendario aparecerán os días e as horas dispoñibles.

A partir do mércores 7 poderán tamén pedir cita os maiores de 50 anos, a modo de repesca, que non puideran acudir cando foran citados dentro do seu grupo de idade.

E a vacinación progresa tamén chegando xa ás persoas de entre 30 e 39 anos. En Santiago este sábado había uns 6.000 citados. Recibiron a primeira dose de Moderna.
"As miñas amigas que son da miña idade tamén veñen hoxe e estamos a verdade que encantadas"
"Estás desexando pero sempre con certa tensión polos síntomas, pero nada, xa está feito"

O domingo continúa a vacinación deste grupo de idade. Unhas 8.000 persoas da área sanitaria de Santiago, menores de 40 anos, pasarán polo Gaiás.

Noticias web

04/07/2021