CRTVG

Buscar

A vacina galega contra o coronavirus comezará a probarse en animais en Alemaña e Holanda

Publicado o 12/01/2021 14:02

A vacina galega contra o coronavirus, desenvolvida por investigadores da Universidade de Santiago, vai comezar as probas en animais en laboratorios de Alemaña e Holanda. É o paso previo á experimentar con humanos e ten como obxecto confirmar a súa eficacia e como responde aos anticorpos.

A vacina galega contra o coronavirus segue queimando etapas e comezará a probarse proximamente en ratos de laboratorio en Alemaña. Se os datos son favorables, faranse en Holanda os ensaios en primates e posteriormente xa se podería probar en humanos.

"Nós imos pasiño a pasiño porque o primeiro de todo é intentar ver se realmente funciona ben como vacina contra este virus. Sabemos que o noso sistema funciona como vacina contra outros virus, comprobámolo antes, pero este é un virus diferente e temos que ensaialo tamén e ver se funciona ou non".

O método desenvolvido e patentado polo equipo da Universidade de Santiago consiste en programar as células para que constrúan microesferas de proteína e carguen no seu interior cos antíxenos de coronavirus que se encargarán de estimular o sistema inmune.

"Desde o punto de vista teórico, son as que menos efectos secundarios se lle presumen, como moito poden darche unha alerxia, do mesmo xeito que hai xente que come pan e ten alerxia ao pan, ou ao leite ou cousas dese tipo".

Outras vantaxes son que serán máis fáciles de producir, abaratando sensiblemente o seu prezo final, e que é máis estable, podendo conservarse a temperatura ambiente sen que se alteren as súas propiedades.

Noticias web

12/01/2021