CRTVG

Buscar

A vacina de Oxford contra a covid-19 xera resposta inmune en anciáns

Publicado o 26/10/2020 09:51
A vacina de Oxford contra a covid-19 xera resposta inmune en anciáns

A vacina contra a covid-19 que desenvolve a Universidade de Oxford, en colaboración coa farmacéutica AstraZeneca, xera unha forte resposta inmune entre os anciáns, o grupo máis vulnerable, revela este luns o Financial Times. Os ensaios clínicos desa vacina están na fase 3, a última antes de coñecer con exactitude se é segura e se permite protexer a poboación da enfermidade, tras o cal necesitará o visto e prace dos reguladores antes de procederse a unha vacinación masiva.

Segundo puido saber o xornal de dúas persoas familiarizadas con estes estudos, a vacina xera entre os anciáns anticorpos e as chamadas células T (cuxo principal propósito é identificar e matar patóxenos invasores ou células infectadas). A idade é o principal factor de risco da covid-19 dado que o sistema inmunolóxico se debilita co tempo, polo que este grupo é o que máis necesitará protección contra o coronavirus.

Os investigadores, segundo o Financial, están animados pola resposta inmune que xera a vacina entre as persoas maiores. Os resultados das primeiras probas clínicas da vacina de Oxford, publicados o pasado xullo, xa indicaban que xera anticorpos e as células T. Espérase que os detalles dos últimos achados sexan publicados pronto nunha revista médica, engade o diario.

"Se teñen datos que mostran que a vacina xera unha boa inmunidade, medida no laboratorio, no grupo de máis de 55 anos, e que inclúe unha boa resposta en xente que é moito maior, creo que é un sinal prometedor", sinalou ao diario Jonathan Ball, profesor de viroloxía da Universidade inglesa de Nottingham.

En agosto, a Unión Europea (UE) pechou con AstraZeneca un primeiro contrato que lle garante acceso a 300 millóns de doses, pacto que se rubricou en nome dos Estados membros e as doses distribuiranse en función da poboación de cada país.

Noticias web

26/10/2020