CRTVG

Buscar

A vacina de Janssen pode ser un acelerador da inmunidade colectiva

Publicado o 11/03/2021 14:17

A vacina de Janssen, filial da estadounidense Johnson & Johnson, presenta algunhas vantaxes respecto ás outras tres que xa se aplican na Unión Europea

Memé Flores Lozano, Coordinador de  Estudos científicos do Hospital de Massachusetts, en Boston, di que se trata "dunha vacina que non precisa unha alta refrixeración, entón facilita os labores de distribución e almacenamento. Ademáis só se aplica nunha picada, polo que tamén axiliza o proceso de vacinación nos hospitais".

Os estudos confirman que evita os síntomas graves da enfermidade nun 85 por cento dos casos e nun 66 os moderados. Un posible acelerador cara á inmunidade colectiva, sempre e cando cheguen as doses comprometidas

"Non creo que teñamos doses ata abril, e posiblemente nas primeiras fases da vacinación nos nos chegue a cantidade de doses desexadas", explica Amós José García Rojas, presidente da Asociación Española de Vacinoloxía. 

Pero malia os avances na vacinación, dende o campo da medicina lembran a importancia de seguir cumprindo as medidas sanitarias

Manuel Viso, médico especialista en hematoloxía, di que non sabemos se a xente vacinada pode seguir contaxiando. "A vacina o que evita é que os contaxiados desenvolvan enfermidade grave, pero podemos manter coronavirus na gorxa e facer que o transmitamos", conclúe.

Tamén avanza a investigación sobre os efectos secundarios das vacinas. O último informe da Axencia Española do Medicamento corrobora que a de Moderna é a que rexistrou unha maior porcentaxe. O 0,33 % por cento dos inoculados presentaron reaccións como malestar ou dor de cabeza. Mentres que coa de Astrazéneca so o fixeron o 0,05 %. O informe conclúe ademais que non se poden considerar reaccións adversas debidas á vacina.

 

Noticias web

11/03/2021