A UVigo comeza coas probas masivas: PCR con mostras de saliva
A Universidade de Vigo empezou a facer probas masivas entre os profesores e o persoal administrativo para descubrir posibles casos asintomáticos de coronavirus. Despois vanas estender aos alumnos. Empregan unha técnica innovadora que fai as PCR con mostras de saliva.
A técnica xa se empregou con éxito aquí en Vigo, no sector da automoción, e repítese agora entre o persoal da universidade. Está indicada para sectores de baixa prevalencia da covid−19 e o que se fai é agrupar as mostras —de dez en dez ou de 20 en 20— e realizar unha única PCR.
Serve para confirmar negativos en bloque, e no caso de que unha delas dese positivo repetiríase individualmente a proba a todos os membros do grupo. Permite así un varrido en tempo récord, que aquí na universidade abrangue 2.800 persoas.
Hoxe é o día de entrega das mostras, e os resultados que permitirán ter unha radiografía da incidencia da covid−19 no campus vigués serán cuestión de horas. Profesores, investigadores e persoal da universidade estrean este cribado.
A confidencialidade garántese cun código QR e un número asignado por correo electrónico.
O varrido repetirase quincenalmente e estenderase ao alumnado.
A técnica do pooling ten ademais a vantaxe de que usa mostras de saliva; é menos dolorosa, máis cómoda e permite a autorrecollida de mostras, o cal axiliza aínda máis o procecemento.