CRTVG

Buscar

A USC ultima un sistema pioneiro integral para frear as adiccións dos menores

Publicado o 06/02/2019 19:32

O Ministerio de Sanidade volve elixir un grupo de investigación da Universidade de Santiago para o Plan nacional contra a droga. En menos de dous anos terán listo un sistema integral para que a sanidade e a educación públicas poidan previr, detectar e asistir os menores con problemas de adiccións.

Antonio Rial Boubeta, investigador, profesor da Facultade de Psicoloxía da USC: "Estamos falando dun consumo moi serio de alcol baixo un patrón intensivo, a xeito de enchente, a idades cada vez máis temperás. E estamos falando tamén dun aumento do consumo de cánnabis e de novas adiccións, comportamentais, tecnóloxicas".

Adicción de menores ou adolescentes ao móbil, a Internet ou en concreto ás redes sociais ou ás apostas deportivas.

Antonio Rial Boubeta, investigador, profesor da Facultade de Psicoloxía da USC: "Taxamos arredor do 18, 19, 20, 22 por cento, dependendo da faixa de idade e do sexo, o número de adolescentes que poderían estar desenvolvendo en breve unha adicción a Internet. E tamén comprobamos que, de media, en Galicia, e en España os rapaces con 13,4 anos xa se inician no consumo de alcol".

Dende Galicia, dende a USC, o grupo de investigación en Psicoloxía do Consumidor e do Usuario, despois de 25 anos traballando na metodoloxía de investigación social e ciencias da saúde para avanzar na prevención, sobre todos da adccións en menores, presenta un novo proxecto que entre un cento de novo elixe o Ministerio de Sanidade, para pór en marcha dentro do Plan Nacional Sobre Drogas.

Antonio Rial Boubeta, investigador, profesor da Facultade de Psicoloxía da USC: "O que estamos ultimando é o deseño para implementar un sistema integral de detección precoz e consello breve para poder desenvolver tanto en sanidade, en Atención Primaria, polos pediatras e médicos de familia, como tamén no eido escolar e coas familias, para detectar precozmente calquera ou varios tipos de adicción nun menor ou adolescente, poder dar xa pautas sinxelas e rápidas, un consello breve de como actuar en cada caso e amais, se o caso xa presenta certa gravidade, poder facer unha deribación áxil directa aos dispositivos asistenciais que corresponda".

Antonio Rial Boubeta, investigador, profesor da Facultade de Psicoloxía da USC: "Para que no prazo de dous anos a Administración poida ter un sistema público integral, unha sistemática de traballo que mesmo poida estar contectada, en rede e coa historia clínica electrónica. Do que se trata é de que poida empregala quen o precise. Trátase de acabar de determinar un método, un bo quefacer ao servizo de todos. En canto estea listo o sistema entregarémosllo á Administración pública, para termos unha eficaz, rápida e unificada sistemática de traballo".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

06/02/2019