CRTVG

Buscar

A USC defende a seguridade das súas instalacións trala aparición de positivos de Covid-19 en residencias universitarias

Publicado o 17/10/2020 14:46

Nos últimos días as festas en pisos protagonizadas por estudantes universitarios apareceron sinaladas como un dos motivos do aumento da incidencia de casos por coronavirus en cidades como Santiago de Compostela. O reitor da universidade compostelá, Antonio López, mantén que os espazos académicos son seguros.

"Estamos moi por debaixo da media de Galicia, que está por riba do cinco por cento de positividade en PCRs, e da media do estado que está por riba de dez". 

Un recente cribado de test para detectar a Covid 19 realizado nas residencias de estudantes, publicas e privadas, que dependen da institución compostelá detectou 14 contaxios sobre un total de 903 probas.

Antonio López, Reitor da Universidade de Santiago de Compostela
"Só hai catorce positivos no conxunto de residencias que se avaliaron -confirma Antonio López .- No que son propias da universidade temos catro positivos, e nunha residencia tamén adscrita à universidade, pero privada, hai dez. En total, catorce sobre novecentos tres que dá esa taxa de 1,4 e no das propias da universidade, 0,4 ".

Sobre as festas de estudantes en pisos, o reitor afirma que non pode sancionar feitos acontecidos fora das instalacións: "Nós apostamos por concienciar moi claramente ao estudantado de que esas condutas non son responsables nun momento como este e non cansaremos de facelo. Fixemos campañas, estamos traballando con eles, estamos poñendo en marcha un grupo de voluntarios para promover esas condutas responsables e sociais, e despois tócalle ao concello e á administración autonómica actuar.Se hai incumprimentos cómpre sancionalos, indubidablemente".

O máximo responsable da universidade compostelá insiste en que os protocolos preventivos diante da Covid 19 estanse respetando rigorosamente entre os estudantes e que seguirán manténdose.

Noticias web

17/10/2020