CRTVG

Buscar

A Universidade de Vigo consolídase como canteira internacional da tradución de videoxogos

Publicado o 11/01/2020 17:57

Na súa facultade de Filoloxía impártese o único título público desta especialidade en España. O 50% da primeira promoción, que rematou hai poucos meses, xa está a traballar en empresas do sector.

Alba Calvo é tradutora de videoxogos e di que localizar é adaptar un texto orixinal ao mercado no que se vai vender. Entón, por exemplo, se hai chistes ou referentes doutra lingua "hai que adaptalos do mellor xeito posible".

Comezou por casualidade e xa leva máis de sete anos traballando de localizadora para grandes empresas internacionais. Asegura que hai demanda porque o sector non deixa de medrar. De feito, en España, a industria do videoxogo xera máis cartos ca o cine e a música xuntos. Ata o momento leva traducido 600 títulos. "Non houbo ningún pico que dixeras, unha crise, non! Pódovos asegurar que o mercado de lecer en xeral, e o dos videoxogos en particular que é onde eu estou, sempre foi cara arriba, en aumento", engade Alba Calvo.

Agora comparte a súa experiencia co alumnado do título propio de Especialista en Tradución para a Industria do Videoxogo da Universidade de Vigo. É o único destas características en toda España e xa se está a converter nun referente.

Ramón Méndez é tradutor de videoxogos e mestre da UVigo e asegura que un cliente lituano lle comentara que toda a xente tradutora de videoxogos que coñecía española era de Vigo ou de Galicia. "É un indicativo de que estamos aí moi presentes", sentencia Méndez.

O 50% da primeira promoción, que rematou hai uns meses, está traballando. Adoita ser xente interesada polos videoxogos que lle achega un plus á súa profesión.

"Se non xogas, non sabes nada da industria do videoxogo, podes facer unha tradución de dez perfectamente. Pero cando eres xogador si que se nota un plus, podes chegar a facer unha tradución de once porque entendes mellor o xogo", di Ramón Méndez, tradutor de videoxogos e mestre da UVigo.

As traducións de videoxogos ao galego son escasas, pero, con esta canteira autóctona de profesionais, aínda queda tempo para a esperanza.
 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

11/01/2020