CRTVG

Buscar

A Universidade de Vigo busca fórmulas contra a resistencia aos antibióticos

Publicado o 03/12/2019 19:54

Máis de trinta mil persoas morren ao ano en Europa pola resistencia aos antibióticos. A Organización Mundial da Saúde alerta contra este risco, que requiere concienciar a poboación sobre un uso responsable. Un problema que a Universidade de Vigo aborda involucrando os estudantes na busca de novos antibióticos.

Neste laboratorio buscan novos antibióticos. Non é un laboratorio ao uso, está no instituto de secundaria do Couto, en Ourense, e os orientadores foron alumnos da Universidade de Vigo: 'Cada un intentaba buscar as bacterias, metíaas nun frasco cun produto que as alimentaba e as facía crecer. E aí atopabamos as que podían ser antibióticos', explica unha Nerea, alumna do IES do Couto.


A práctica xa rematou e hoxe foi a posta en común. Trátase dun proxecto de investigación que se desenvolveu en 28 universidades de España e noutros países para afrontar un problema de saúde global: a resistencia aos antibióticos polo mal uso que lles damos.

 María José Pérez, profesora de Microbioloxía e coordinadora do proxecto: 'Se seguimos a este ritmo, está estimado que en 2050 pode morrer moita máis xente dunha simple infección como unha extracción de moas, que de cancro'.

O proxecto ten unha finalidade divulgativa: 'Este proxecto axudounos a identificar mellor os riscos de usar mal os antibióticos'. 'Nun futuro pode pasar que os antibióticos actuais non funcionen porque as bacterias serán máis fortes', comentan dous alumnos que participaron no proxecto.

Tamén aspiran con este proxecto a cultivar, de paso, vocacións científicas.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

03/12/2019