CRTVG

Buscar

A Universidade de Santiago, a de máis voluntarios

Publicado o 17/11/2019 19:07

A Universidade de Santiago é, de entre todas as do estado, a que conta con maior número de estudantes que participan en actividades de voluntariado. Foron máis de 3.700 no último curso, co obxectivo común de construír unha sociedade máis igualitaria e solidaria.

A vida universitaria non só se reduce ao estudo e ao entretemento. O tempo rende, nesta etapa e dá tamén para que un desenvolva a súa responsabilidade social e participe en proxectos de axuda aos demais ou de conservación do medio. A xente nova é consciente da importancia deste compromiso social. Javier Agrafojo. Coordinador do Servizo de Participación e Integración Universitaria

"É unha preocupación que está aí latente e que se concreta no 15-M, por exemplo, e que leva a que as novas xeracións teñan consciencia desa importancia por participar. Noutros momentos foi o Prestige, noutro foi o 07. Son movementos que intensifican e fortifican as ganas de colaborar da poboación. E no caso da universitaria máis, porque os anos en que acceden á universidade son uns anos en que teñen moitas ganas de facer cousas".

E esta é unha aprendizaxe con retorno, porque grazas ao voluntariado a súa formación tamén se ve fortalecida e isto é algo que se valora xa no ámbito laboral.

"Van aprender competencias e habilidades que non se ofrecen nas aulas e que lles van permitir ser mellores profesionais no futuro, mellores cidadáns, máis participativos e máis implicados no desenvolvemento da nosa aldea global, na que estamos todos", di Javier Agrafojo.

Nunha aldea en que tamén está outro colectivo, que despois dunha longa experiencia profesional recupera o tempo libre. Son aqueles que coa xubilación deciden colaborar co seu coñecemento e participar nas accións promovidas desde a Consellería de Política Social.

"Este ano puxemos en marcha un programa novo para fomentar o voluntariado sénior, precisamente porque as persoas maiores de 55 anos, neste caso, teñen moitísimos coñecementos de vida, moitísimas experiencias que poñer ao servizo da sociedade e creo que é un importante traballo que temos que facer para que eles canalicen todos eses coñecementos en actividades de solidariedade coa comunidade", di Cristina Pichel, directora xeral de Xuventude e Voluntariado.

Trátase de facer entre todos unha sociedade máis consciente con todo o que nos rodea.


 

Noticias web

17/11/2019