CRTVG

Buscar

A Universidade da Coruña elaborará o plan estratéxico para a conservación do patrimonio marítimo de Galicia

Publicado o 05/07/2021 15:14

O balandro Joaquín Vieta, un veleiro construido nos estaleiros do Freixo hai máis de cen anos e que aínda hoxe segue navegando pola Ría de Muros e Noia coma un auténtico museo flotante, foi o marco elixido para poñer o punto de arranque ao plan que marcará as directrices para a conservación da rica cultura marítima de Galicia. Os responsables da Consellería do Mar e da Universidade da Coruña asinaron a bordo o convenio para facer un diagnóstico e fixar liñas de actuación ata o 2030.

"Era algo que era necesario para Galicia, poñer en valor un conxunto que todos como galegos podemos compartir; o recordo de mariscadoras a pé pou a flote, redeiras, a construción de embarcacións tradicionais en madeira, as carpinterías, as edificacións, as cantígas" di Oscar Fuentes Dopico, o arquitecto e especialista en patrimonio que vai coordinar o Plan.

O primeiro será facer reconto do que hai feito e do moito que que queda por facer, coa axuda de todos os vinculados ao patrimonio marítimo tanto material coma inmaterial, "para que dalgunha maneira o noso sector tamén recolla esa autoestima que nunca debeu perder e que sexamos capaces de trasladarlle a nosa xuventude os valores da actividade marítimo pesqueira e que eles sigan vendo nesta actividade unha decisión de futur," di Rosa Quintana, a Conselleira do Mar. 

A Consellería do Mar aportará 192.000 euros ata o ano 2023 para a elaboración do plan. A finais deste ano contan ter xa fixadas as liñas mestras. Recoñecen que é un patrimonio moi afectado polos cambios sociais e por moitas intervencións no litoral, pero aínda conserva unha riqueza e un potencial que se pode poñer en valor desde múltiples perspectivas científicas, como evidencia día a día o centenario barco de cabotaxe nas suas singladuras didácticas e recreativas pola ría.
 

Noticias web

05/07/2021