CRTVG

Buscar

A UE e o Reino Unido seguen negociando para evitar a ruptura e un Brexit caótico

Publicado o 13/12/2020 21:39

Londres e Bruxelas incumpren unha vez máis unha data límite nas conversas do brexit, pero non tiran a toalla. A presidenta da Comisión Europea e o primeiro ministro británico déranse ata este domingo para decidir sobre o acordo da futura relación, pero seguirán negociando ata que remate o ano.

Así o anunciaba Ursula Von der Leyen: "Tiven unha conversa telefónica construtiva e útil co primeiro ministro Boris Johnson. (...) Despois de case un ano de negociacións e a pesar de que se incumpriron unha e outra vez os prazos, ambos os dous pensamos que o responsable neste momento é facer un esforzo adicional".

O negociador europeo Michel Barnier e o británico David Frost continuarán coas conversas, que permanecen estancadas arredor da competencia comercial e da pesca.

Boris Johnson reclama "saír da órbita europea": "Creo que podemos chegar a un acordo se os nosos socios queren facelo. Pero mantémonos moi separados nos temas chave. (...) O Reino Unido non pode estar pechado na órbita reguladora da UE, e obviamente temos que recuperar o control dos nosos caladoiros de pesca...", dixo.

Varios países queren mantener o seu acceso ás augas británicas, pero o Reino Unido defende que, como estado independente, debe poder priorizar a faena para os seus pesqueiros e negociar anualmente as cotas cos países comunitarios.

O tempo para chegar a un acordo aprema e se non o hai antes de que remate o ano, as relacións comerciais a partir do 1 de xaneiro serán reguladas pola Organización Mundial do Comercio.
Pero por se o acordo non chega, Londres e Bruxelas preparan xa medidas de continxencia para minimizar o impacto dun brexit ás bravas.