A Unión Europea comeza a campaña de vacinación o día 27
A Unión Europea prevé que a vacinación comece en todo o seu territorio entre o 27 e o 29 de decembro. O repartimento das doses en España será segundo a proporción de poboación para vacinar que teñan, comezando polos usuarios das residencias. E os sistemas de saúde enfróntanse a un reto histórico, xa que a vacina que chega, a de Pfizer, ten unhas esixencias de almacenamento moi concretas.
Entre o 27 e o 29 de decembro Sanidade agarda comezar a administrar en España a vacina contra a covid elaborada por PFizer e BioNtech. A Comisión Europea anunciou o novo calendario de vacinación posible, iso si, se o fármaco supera os trámites e é aprobado pola Axencia Europea do Medicamento o luns. O proceso formal remataría dous días despois. Con todo, mantense a reunión do día 29 por se hai que analizar máis datos.
Haberá un rexistro das persoas vacinadas e Sanidade emitirá un comunicado cada quince días informando dos efectos que se notifiquen. O fármaco consta de dúas doses, que se deben administrar con 21 días de intervalo.
Na etapa inicial recibirana dous millóns e medio de persoas en España. Pero a esta altura non se sabe cantas doses chegarán no primeiro envío. A intención é que todas as comunidades comecen á vez o proceso, co obxectivo inicial de cubrir as máis de 5.400 residencias que hai no estado.
O fármaco sairá da fábrica que Pfizer ten na localidade de Puurs, en Bélxica, cara a España, con destino a medio cento de centros de recepción das comunidades autónomas, de localización secreta por motivos de seguridade. Chegará en caixas autorrefrixerantes de 5.000 unidades, que as mateñen a setenta graos baixo cero durante dez días.
As outras vacinas conitnúan tamén o seu camiño. A Axencia Europea do Medicamento convocou unha reunión extraordinaria, o seis de xaneiro, para finalizar a avaliación da de Moderna, despois de que a a empresa achegara máis datos que permitiron adiantala unha semana.