A Unión Europea chama á disciplina dos cidadáns contra a pandemia
Bélxica converteuse esta semana no país europeo máis afectado por esta segunda vaga da covid-19, ao alcanzar unha incidencia acumulada de máis de 1.600 casos por cada 100.000 habitantes.
Ao toque de queda nocturno e ao peche de hostalería, actividades culturais e deportivas, as autoridades engadiron teletraballo obrigatorio, peche de comercios non esenciais, clausura de colexios e limitación dos contactos sociais a un máximo dunha persoa allea ao fogar por semana.
Pero os contaxios soben en xeral en toda Europa, con varios países que superan as súas propias marcas. É o caso de Alemaña, que contabilizou en 24 horas máis de 19.000 contaxios, o nivel máis alto rexistrado alí ata agora.
A partir do luns, entrarán en vigor restricións novas. Entre elas, o peche de restaurantes, bares, cines, museos, teatros e ximnasios. Ademais, as reunións non deberán incluír persoas de máis de dúas vivendas.
Portugal tamén estuda máis medidas para controlar a expansión do virus tras bater marcas de contaxios nos últimos días. Italia tamén superou o seu máximo de infectados en 24 horas. Detectou máis de 30.000.
Francia, que se declarou desbordada, volveu onte ao confinamento. Coas saídas limitadas ao traballo, ao colexio, ás necesidades básicas e a unha hora de exercicio.
Grecia tamén decidiu pechar restauración, deporte e cultura nas zonas máis afectadas.
Desde a Unión Europea recordan o papel dos cidadáns para frear a pandemia e pídenlles disciplina. No seu conxunto, Europa xa superou os dez millóns de contaxios.