CRTVG

Buscar

A Unión Europea avanza na desescalada grazas á caída da incidencia e ao ritmo de vacinación

Publicado o 01/06/2021 12:56
A Unión Europea avanza na desescalada grazas á caída da incidencia e ao ritmo de vacinación

Alemaña acaba de rebaixar un chanzo o nivel nacional de alerta, Italia reabre o interior da hostalería e Grecia comeza a emitir o certificado comunitario de vacinación. A Unión Europea avanza cara adiante grazas á caída da incidencia e ao ritmo de vacinación.

Alemaña reduciu este martes o nivel de alerta pola pandemia do conxunto do país de "moi alto" a "alto", logo de seis meses no chanzo máximo. Esta cualificación non supón un cambio automático nas restricións, que comezaron a relaxarse na maioría do país, pero actualiza a valoración xeral da pandemia nestes momentos.

O ministro alemán de Sanidade, Jens Spahn, asegurou en conferencia de prensa que a situación segue a ser difícil, pero hai "razóns para a confianza". Recoñeceuse "sorprendido" pola "impresionante" evolución da pandemia nas últimas semanas, que avanza na "boa dirección", e augura a posibilidade de "ter un bo verán2.

Malia e todo, lembrou que 2aínda nos atopamos no medio da pandemia" e, sen querer ser un "estragafestas", pediu precaución: "Persiste o risco de que todo poida cambiar rapidamente".

Neste mesma liña, o presidente do Instituto Robert Koch (RKI) de viroloxía, Lothar Wieler, cualificou de "grande éxito" lograr "rachar" a "terceira onda". "Todos queremos normalidade, pero a pandemia non rematou", advertiu. O científico reclamou unha reapertura da economía con medidas de seguridade para evitaren crecementos exponenciais e chamou a "aproveitar o verán" para seguir rebaixando a incidencia.

O RKI comunicou este martes que nas 24 horas previas rexistráronse 1.785 novos positivos por coronavirus e 153 mortes con ou pola covid-19. A incidencia acumulada a sete días situouse nos 35,2 casos por cada 100.000 habitantes, unha décima por riba do rexistro da xornada previa. Aínda que sexa un aumento mínimo, trátase do primeiro incremento desta variable en tres semanas.

Segundo datos do Ministerio de Sanidade, Alemaña administrou xa 50 millóns de vacinas. O 43 % da poboación recibiu polo menos unha dose, mentres que o 17,6 % conta coa pauta completa.

Avances na desescalada en Italia

Italia deu este martes un paso máis na desescalada coa reapertura interior dos bares e restaurantes, ata a hora da cea, e o regreso do público aos estadios e pavillóns con limitación de aforo.

Nas cidades italianas empézase a notar a volta progresiva á normalidade, cunhas rúas moito máis cheas e un aumento de visitantes nas últimas semanas. De feito, está previsto que nove millóns de persoas se despracen estes días co gallo da Festa de República que se celebra este mércores, 2 de xuño.

Co alivio das restricións, regresan tradicións tan italianas como tomar o café e o cornetto nas barras dos bares, que poden abrir ata o toque de queda (23:00 hora local, 21:00 GMT) tamén no interior. Facía meses que a hostalería italiana non recibía clientela dentro polo confinamento brando de marzo e abril e as posteriores restricións.

Os estadios e os pavillóns tamén volven acoller público en eventos deportivos, cunha limitación do 25 % da súa capacidade, ata un máximo de 1.000 persoas ao aberto e 500 no interior. Iso si, sempre respectando a distancia interpersoal e co uso obrigatorio da máscara.

A maioría das rexións italianas atópanse en "zona amarela" ou de baixo risco, salvo a illa de Sardeña, Molise (sur) e Friuli-Venecia-Julia (norte), que pasaron este luns á "zona branca". 

O país avanza con optimismo nesta reapertura grazas á caída constante da curva epidemiolóxica e ao bo ritmo da campaña de vacinación, con máis de 12 millóns de persoas inmunizadas (máis do 20 % da poboación) e case 35 millóns de doses administradas.

A partir do vindeiro xoves, Italia comezará a vacinar toda a poboación sen distinguir por idades ou traballo. Ademais, desde o mércores pasado están a vacinar o alumnado que fará a selectividade o 16 de xuño.

Grecia emite o certificado dixital europeo

Grecia empezou a emitir o certificado dixital europeo de vacinación, que en principio non vai rexer en toda a Unión Europea ata o vindeiro 1 de xullo. O documento aínda estará en fase de proba durante todo o mes, segundo explicou o ministro de Gobernanza Dixital, Kyriakos Pierrakadis.

Deste xeito, convértese nun dos primeiros países en aplicar este documento que pretende facilitar as viaxes durante a tempada estival e evitar corentenas.

O certificado recolle varias posibilidades: ter completada a pauta de vacinación, superada a covid-19 ou efectuada unha proba diagnóstica con resultado negativo.

O turismo constitúe o principal motor da economía grega ao achegar aproximadamente o 20 % do PIB e xerar o 25 % do emprego. Oficialmente Grecia abriu as súas portas a visitantes o pasado 14 de maio, tras reabrir todos os aeroportos e restituír o tráfico de transbordadores, cunha serie de cautelas.

 

 

Noticias web

01/06/2021