A Unión Europea alcanza un acordo para reformar a Política Agraria Común
As institucións da Unión Europea (Comisión, Parlamento e Consello) alcanzaron un acordo para concluír a negociación da reforma da Política Agrícola Común (PAC).
"Éncheme de satisfacción afirmar que o conseguimos. Nalgúns puntos desexariamos un resultado diferente, pero en xeral creo que podemos estar contentos co acordo que logramos", asegurou Janusz Wojciechowski, comisario europeo de Agricultura, na súa conta de Twitter.
O acordo achanda o camiño para unha PAC "máis simple, máis xusta e máis ecolóxica" que proporcionará un futuro sostible ao agro europeo, indicou pola súa banda o Consello nun comunicado.
Segundo engade, a nova PAC reforza as medidas ambientais e tamén inclúe disposicións para garantir un maior apoio ás explotacións agrícolas máis pequenas e axudar a novos agricultores a acceder á profesión.
O acordo alcanzado este venres debe ser ratificado polo Consello de Agricultura e Pesca que se reunirá o luns e martes próximo en Luxemburgo.
Un dos temas sensibles era o financiamento dos chamados “ecoesquemas”, o instrumento que servirá para incentivar as prácticas agrícolas e gandeiras que teñan un impacto máis beneficioso para o clima e o medio ambiente, para os que o Parlamento quería unha porcentaxe maior do financiamento que os países.
Tamén estaba no aire a data a partir da que se empezará a aplicar o principio de que só as explotacións que respecten os dereitos laborais reciban axudas da PAC; ou a porcentaxe do pago básico medio da súa rexión produtiva que debe recibir cada agricultor.
Este vernes, decenas de membros de asociacións agrarias de toda Europa, reunidas baixo o paraugas das dúas grandes organizacións europeas COPA-COGECA, concentráronse na praza de Luxemburgo de Bruxelas, fronte ao Parlamento Europeo, para pedir un acordo duradeiro da PAC.