CRTVG

Buscar

A UE abre as fronteiras a turistas de terceiros países coa vacina completa

Publicado o 19/05/2021 15:15

A Unión Europea acordou este mércores abrir as fronteiras exteriores a persoas procedentes de terceiros países coa poboación vacinada de xeito amplo ou cunha boa situación epidemiolóxica fronte á covid-19. A condición é contar coa pauta completa da vacina (dúas doses na maioría dos casos) dende, polo menos, catorce días antes da viaxe.

A decisión anunciouna a Comisión Europea, tras o acordo acadado polos vinte e sete nunha xuntanza, a nivel de embaixadas, celebrada en Bruxelas. Agora, deberá formalizarse nunha reunión ministerial que, probablemente, teña lugar este mesmo xoves.

Ata a entrada en vigor do Certificado Covid comunitario, so poderán ofrecer esta nova condición para turistas de terceiros países aqueles Estados membros que xa estean a relaxar as restricións para a poboación europea vacinada. Deste xeito, queren asegurar que estas persoas extracomunitarias non gozarán dun trato privilexiado.

En todo caso, a xestión da fronteira é un asunto de competencia exclusiva dos Gobernos estatais, polo que o pactado a nivel europeo é un compromiso para aplicar os mesmos criterios, pero non evita que cada país tome medidas máis estritas.  

O acordo autoriza a entrada de persoas inmunizadas con vacinas aprobadas pola Axencia Europea do Medicamento. Porén, abre a porta a que os Estados membros autoricen a entrada de turistas extracomunitarios con outros soros autorizados pola Organización Mundial da Saúde (OMS). 

Tamén actualiza a taxa de incidencia que se vai ter en conta. Ata o de agora, o permiso de viaxe limitábase a países cunha incidencia inferior os 25 casos por cada 100.000 habitantes. Agora, o limiar reláxase ata os 75 positivos.

Os países da UE tamén acordaron reforzar o chamado "freo de emerxencia" para pechar a fronteira reaberta a un país terceiro ou aplicarlle outras restricións no caso de disparárense os contaxios ou detectárense unha alta incidencia de novas variantes.  

Noticias web

19/05/2021