CRTVG

Buscar

A única plataforma meteorolóxica flotante está na ría de Arousa

Publicado o 22/03/2021 15:49

O 23 de marzo é o Día Meteorolóxico Mundial e, co gallo desa celebración, este luns realizouse unha visita institucional á plataforma meteorolóxica que aboia ao carón da illa de Cortegada.

É unha das actividades que organizou o Goberno galego para celebrar a data e dar a coñecer a importancia que teñen estas estacións e tamén o seu funcionamento.

Este ano, os 180 estados membros da Organización Meteorolóxica Mundial decidiron poñer o acento na importancia dos océanos, xa que supoñen un dos maiores condicionantes do clima en todo o planeta.

O 2020 foi en Galicia o máis cálido dos últimos 50 anos, unha conclusión á que se chegou grazas aos datos que se desprenden entre outras das plataformas meteorolóxicas.

"Temos un total de 157 estacións meteorolóxicas espalladas polo territorio galego, máis de 1.100 sensores que cada 10 minutos nos dan toda esa información para obsevar, para predicir e tamén para actuar", apunta Ángeles Vázquez, conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

O observatorio flotante de Cortegada, único da península, está dotado con sensores para medir variables meteorolóxicas e oceánicas que logo poden ser consultadas.

"Todos os datos que vedes aquí se publican en las páxinas web das dúas consellerías, en Intecmar, Cetmar e na páxina web de Meteogalicia pero ademais se trasmiten estes datos a outra serie de plataformas europeas co que se unen todos os datos deste observatorio cos datos doutros puntos de medida ao longo de toda a costa Atlántica", comenta Paloma Rueda, directora do CETMAR.

A conselleira aproveitou esta visita á plataforma de Cortegada para avogar por un turismo responsable.

"Poder gozar das illas, poder gozar do mar, das nosas praias pero sempre facéndoo con sentidiño polo ben do gran patrimonio natural que temos que seguir conservando", asegura Ángeles Vázquez.

Noticias web

22/03/2021