CRTVG

Buscar

A UNESCO recoñece O Courel como o primeiro Xeoparque Mundial de Galicia

Publicado o 13/04/2019 10:24

Galicia conta xa co seu primeiro Xeoparque Mundial recoñecido pola UNESCO. Está no Courel, entre os concellos de Quiroga, Ribas do Sil e Folgoso. O organismo internacional aprobou a candidatura presentada hai algo máis dun ano e tivo en conta as particulariedades das montañas destas zonas, con pregamentos e formas case xeométricas que datan de hai centos de millóns de anos.

As Montañas do Courel foron recoñecidas pola Unesco como Xeoparque Mundial. Cunha extensión de preto de 600 quilómetros cadrados, comprende toda a comarca de Quiroga, onde os veciños din estar contentos con esta distinción.

"Esperamos que nos visite máis xente e sobre todo que naza unha cultura de respecto por estas contornas", sinala un veciño. Óscar Gamallo, deseña merchandising do xeoparque: "Eu penso que é para todos un ben común. Penso que para o turismo é unha cousa que vai beneficiar tanto a Quiroga coma ao Courel e a Ribas de Sil." Julio Álvarez, alcalde de Quiroga: "Significa, non só para Quiroga senón para toda Galicia, ter un recurso importante dun nivel e dunha envergadura xa non nacional senón mundial."

O xeoparque conta cunha serie de xeositios, coma o sinclinal de Campodola e Leixazós, e ten tamén o seu propio museo, onde se explica a antigüidade de centos de millóns de anos dos seus pregamentos de terras. Roberto Castro, presidente da Asociación Montañas do Courel: 
"É moi importante o primeiro paso, o recoñecemento oficial como Xeoparque Mundial da Unesco, pero agora queda moitísimo camiño por diante. Agora témonos que poñer todos xuntos, os tres concellos, a organizar a xestión do xeoparque. É dicir, crear un staff técnico para que se encargue de coodinar todas as actividades."


O das Montañas do Courel é o primeiro Xeoparque Mundial de Galicia e un dos 127 que hai en todo o planeta.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/04/2019