CRTVG

Buscar

A última lúa azul da década déixase ver sobre ceo galego

Publicado o 20/05/2019 11:19
A última lúa azul da década déixase ver sobre ceo galego

As últimas madrugadas, as do 18 e 19 de maio deste ano, tiveron unha lúa especial. Denomínase Lúa azul, aínda que o seu nome non ten nada que ver coa cor, senón coa duración do ciclo lunar.

Durante estas noites houbo lúa chega, algo que non sería nada excepcional se non fose porque é a terceira das catro que haberá esta primavera. As estacións, comprendidas en solsticio e equinoccio, adoitan ter tres lúas cheas pero nunha mesma estación pode incluírse unha lúa máis, a chamada lúa azul.

Que se chame azul ten que ver coa tradución que se fixo do nome que recibe este evento astronómico en inglés, Blue Moon. Como sucede coa maioría das cores ou alcumes que adoitan acompañar a determinados eventos, este tamén está ligado a tradicións ou lendas. Neste caso, a teoría máis estendida considera que houbo un tempo en que se considerou que unha segunda lúa chea nun mesmo mes, outra das definicións de lúa azul, daba mala sorte e por iso se asociaba co azul, que representa tristeza. 

Pero este ano a lúa azul terá outro aliciente. Esta madrugada, a do 20 de maio, aparecerá no ceo xunto á estrela Antares e Xúpiter para os máis madrugadores, nas horas previas ao amencer. Ambos os astros serán fáciles de ver a pesar do brillo da Lúa. Máis adiante, durante a noite do 23 ao 24 de maio, será Saturno o que se deixe ver xunto ao noso satélit A próxima vez que se produza este evento astronómico será o 22 de agosto de 2021.

Noticias web

20/05/2019