CRTVG

Buscar

A UE conclúe a lista de países aos que abrirá as fronteiras o mércores

Publicado o 29/06/2020 16:51
A UE conclúe a lista de países aos que abrirá as fronteiras o mércores

A Unión Europea activou o procedemento para adoptar formalmente a lista inicial de apenas unha quincena de países terceiros aos que abrirá a súa fronteira xa este mércores, 1 de xullo, tras tres meses pechada ao exterior para conter a propagación do virus; un grupo no que están Marrocos e A China, pero non os Estados Unidos, Cuba, O Brasil ou Rusia. 

Os 27 teñen ata o martes ao mediodía para aprobar ou tombar a lista de quince países que os seus embaixadores negociaron ata o venres pasado, pero ante a que algunhas capitais mantiñan reservas, razón pola que as negociacións continuaron durante a fin de semana, segundo informaron a Europa Press fontes europeas.

A presidencia de quenda da Unión Europea, que ata este martes ocupa Croacia, lanzou o procedemento escrito necesario para confirmar o acordo, un paso formal necesario xa que durante a pandemia non está a ser posible reunir aos Estados membro de maneira presencial para pechar acordos. 

A lista de países cuxos nacionais serán os primeiros en entrar na UE inclúe a Alxeria, Australia,O Canadá, O Xapón, Montenegro, Marrocos, Nova Zelandia, Ruanda, Serbia, Corea do Sur, Tailandia, Tunisia, O Uruguai, Xeorxia e A China, segundo as fontes consultadas, que, precisan, no caso da China o levantamento do veto estará suxeito a reciprocidade. 
Palabras descoñecidas

 

 

Noticias web

29/06/2020