A UE intenta salvar o plan dos 750.000 millóns cunha rebaixa nas transferencias directas
O primeiro ministro holandés, Mark Rutte, centra a atención informativa e esta mañá chegaba o primero a unha xuntanza, previa ao plenario, para tentar desatascar a situación. En Bruxelas puxéronlle como alcume o "doutor non" e asume que xoga o papel de malo da película para os países do sur.
Ás dez da maña tiña unha cita coa presidenta da Comisión, Ursula von der Leyen, e cos mandatarios de España, Alemaña, Italia e Francia. Sobre a mesa había novas propostas do presidente do Consello Europeo, Charles Michel, para tentar achegar posturas e rematar hoxe cun acordo de integración. Angela Merkel presiona para convencer o denominado bloque dos frugais, composto por Holanda, Austria, Suecia, Dinamarca e Finlandia, e mesmo se acabou propoñendo que este países acheguen menos cartos aos orzamentos comunitarios ata o ano 2027. Presuponse que se van pagar menos diminuirán as súas reticencias.
Despois comezaba o plenario entre novas contraditorias. Finalmente trascendía que o plan de reconstrución se mantén en 750.000 millóns de euros, pero as transferencias directas aos países reduciríanse a 450.000 millóns e euros (50.000 menos cá previsión anterior) e o os empréstitos reeembolsables pasarían a ser de 300.000 millóns (50.000 máis do previsto). Unha lixeira maquillaxe nas cifras, que implica outra clave importante: permitiría algo parecido a un dereito de veto, o que hoxe foi denominado "súper freo de emerxencia", en caso de que algún país incumpra. De feito, os Estados terían que presentar ante a Comisión un plan de recuperación individualizado para o período 2021-2023 e someterse a un control de cumprimento.
Tras a sesión plenaria desta mañá, as incertezas continúan e tamén unhas negociacións que probablemente se apuren ata a última hora nun intento de rubricar un éxito difícil a priori. Todo está no aire e a tarde vai ser intensa.