CRTVG

Buscar

A UE sortea o veto húngaro e polaco e desbloquea o seu plan de recuperación

Publicado o 10/12/2020 19:14

Os líderes da Unión Europea (UE) lograron este xoves desbloquear o seu plan de recuperación tras a pandemia de coronavirus, ao chegar a un compromiso con Hungría e Polonia para que levanten o veto que mantiñan polo seu rexeitamento para vincular estas axudas ao Estado de dereito.

O acordo, selado nun cumio en Bruxelas, permitirá seguir coa tramitación do orzamento comunitario para 2021-2027 e do fondo de recuperación, que mobilizarán en total 1,8 billóns de euros para facer fronte ás consecuencias da covid-19, co fin de que poidan entrar en vigor o 1 de xaneiro de 2021. "Acordo sobre o marco financeiro plurianual e o paquete de recuperación. Agora podemos empezar coa implementación e reconstruír as nosas economías", dixo o presidente do Consello Europeo, Charles Michel, en Twitter. 

Para convencer a Budapest e Varsovia, os líderes comunitarios aprobaron un documento de conclusións que clarifica que a condicionalidade do Estado de dereito aplicarase de forma "obxectiva, xusta e imparcial" a todos os países e que, se algún deles recorre esta lexislación ante o Tribunal de Xustiza da UE, a Comisión Europea non poderá propoñer penalizacións ata que haxa unha sentenza.

Con todo, non se modifica a regulación en si mesma, que permitirá por primeira vez que se conxelen as axudas a un país no caso de que se produzan violacións do Estado de dereito que afecten o orzamento comunitario, se así o propón a Comisión e é aprobado por unha maioría cualificada dos socios da Unión Europea.

Isto debería achandar o camiño para que a Eurocámara, que rexeitou de plano cambiar este mecanismo, acepte a solución e de luz verde ao marco financeiro. Con todo, o presidente do Parlamento Europeo, David Sassoli, xa advertiu de que analizarán o compromiso desde o punto de vista legal.

O acordo deberá ser aprobado mañá formalmente nunha reunión de embaixadores comunitarios dos Vinte e sete, aínda que isto considérase un mero trámite formal, tendo en conta do visto e prace dos xefes de Estado e de Goberno da UE.

Sánchez: "É unha gran noticia para a UE"

O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, cualificou este xoves de "gran noticia para a UE" o acordo que permitiu desbloquear os fondos de recuperación comunitarios ante a crise pola pandemia de coronavirus.

Sánchez, quen participa no cumio europeo de Bruxelas que certificou ese desbloqueo, expresou a súa satisfacción por ese acordo nunha mensaxe na súa conta de Twitter. "Unha vez máis, cooperamos e acordamos en Bruxelas polo ben común dos nosos países. É o mellor camiño para combater as consecuencias económicas e sociais da pandemia e avanzar na reconstrución", escribiu o xefe do Executivo español.

O desbloqueo deses fondos, dos que 140.000 millóns de euros corresponderán a España ata 2026, foi posible tras salvar o veto exposto por Hungría e Polonia, países que rexeitaban vincular esas axudas ao cumprimento do Estado de Dereito. A superación das súas reticencias permitirá proseguir non só coa tramitación dese fondo de recuperación, senón tamén do orzamento comunitario para o período 2021-2027. 

 

Noticias web

10/12/2020