CRTVG

Buscar

A UE seguirá adiante coa taxa Google malia o rexeitamento dos EUA

Publicado o 18/06/2020 23:06
A UE seguirá adiante coa taxa Google malia o rexeitamento dos EUA

A Unión Europea segue disposta a introducir a súa propia taxa dixital a nivel comunitario se non se logra un acordo global para iso na OCDE, afirmou este xoves a Comisión Europea despois de que os Estados Unidos se retirara das negociacións no seo desta organización.

"Lamentamos esta postura e urximos aos Estados Unidos a volver á mesa de negociación na OCDE. Unha fiscalidade xusta da economía dixital é unha gran prioridade para a UE", indicou o Executivo comunitario a través de Twitter.

"Necesítase unha taxa dixital adecuada á realidade do novo século. É necesario un acordo na negociación global. Se o 'stop' americano o fixese imposible, a Comisión Europea poñerá sobre a mesa unha nova proposta", dixo o comisario de Economía, Paolo Gentiloni, na mesma rede social.

O Executivo comunitario insistiu nunha fiscalidade dixital "xusta" é "particularmente importante conforme a economía global se recupere da pandemia de coronavirus" e en que seguirán empuxando na negociación global para lograr un "enfoque ambicioso".

Os Estados Unidos informou o mércores os gobernos de España, Francia, Alemaña e Italia de que se retiraba das negociacións sobre fiscalidade dixital na OCDE nunha misiva á que estes catro países da UE xa responderon, aseverando que queren unha imposición xusta para os xigantes dixitais na OCDE canto antes.

Tras ser incapaz de lograr un acordo entre os seus membros para impoñer unha taxa dixital europea a empresas como Google, Facebook ou Amazon ou Apple, a UE decidiu en 2019 apostar por conseguir un acordo global na OCDE e, se este non chegaba para finais 2020, facer unha nova proposta para introducir o seu propio imposto.

O Goberno dos Estados Unidos ameazou no pasado con represalias os países que decidiron avanzar a nivel nacional coa introdución desta taxa dixital que, argumenta, prexudica especialmente as grandes empresas estadounidenses.

Máis de 130 países e territorios estiveron discutindo durante meses sobre a fiscalidade da actividade dixital para gravar as multinacionais no lugar onde teñan os seus clientes, aínda que non dispoñan alí de presenza física co obxectivo de concretar un acordo antes de finais de 2020.

 

Noticias web

18/06/2020