CRTVG

Buscar

A UE rompe con AstraZeneca a partir de xuño e centrará a vacinación en Pfizer

Publicado o 09/05/2021 19:58

Ruptura total con AstraZeneca a partir de xuño, tras unha historia de tirapuxas polas demoras na entrega das vacinas. Esa é a decisión da Unión Europea anunciada hoxe por este home, o comisario de Mercado Interior, Thierry Breton. Estaba previsto que esta empresa farmacéutica entregase 120 millóns de doses aos 27 estados membros neste primeiro semestre e só repartiu 30 millóns. A todo isto únense os casos de tromboses, que contribúen a adoptar esta decisión.

Fontes comunitarias non oficiais indican que probablemente a vacina de Janssen corra a mesma sorte. Que significa isto? A Unión Europea cambia substancialmente de estratexia e tende a relegar as vacinas con adenoviris, causantes dos trombos detectados, para primar as baseadas no ANR mensaxeiro; é dicir, a de Pfizer e, máis secundariamente, a de Moderna.

A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, anunciaba onte a compra de ata 1.800 millóns de doses de Pfizer para o período 2021-2023. En principio, a adquisición será de 900 millóns, ampliable a outros 900 millóns en función da evolución da pandemia. Incluiría vacinas de segunda xeración para facer fronte ás posibles cepas do virus que vaian xurdindo. Para comprender a magnitude da compra hai que ter en conta que a Unión Europea conta con algo menos de 450 millóns de habitantes. Todo un cambio de rumbo na vacinación que comeza a cobrar forma nesta fin de semana.