A UE reformará o seu mercado de gas antes do 2022
Ante a espectacular suba nos prezos da luz, Bruxelas confirma hoxe que antes do 2022 presentará unha reforma do mercado do gas. Esta proposta basearase en diversificar a subministración e aumentar a almacenaxe dese hidrocarburo, para evitar as especulacións no seu prezo.
A comisaria de Enerxía, Kadri Simson, advirte que non atallar esta crise pon en perigo a recuperación económica. E adianta que antes do 2022 terá lista a súa reforma do mercado do gas.
Pasaría por aumentar as reservas estratéxicas. E para mellorar a subministración, os socios europeos coordinarán as compras do hidrocarburo ou mesmo faranse de xeito conxunto. Esta reforma en que traballa Bruxelas non terá un impacto no curto prazo.
Tanto a Comisión como os gobernos da UE teñen claro que a causa principal da crise enerxética actual é a desorbitada cotización que está a alcanzar o gas nos mercados internacionais.
Coa recuperación económica, a UE está a consumir máis do que produce e importa. O bombeo dende Rusia ou outros provedores non é suficiente para atender a demanda das empresas e fogares. De feito, as reservas europeas de gas están por debaixo da media dos dez últimos anos.