CRTVG

Buscar

A UE propón que bares e restaurantes ofrezan aos clientes auga da billa

Publicado o 11/03/2019 17:58

A Unión Europea quere que os bares e restaurantes dean auga da billa gratis aos clientes. Desde Bruxelas levan tempo defendendo esta proposta, coa que pretenden que os consumidores aumenten a confianza na auga da traída, merquen menos auga embotellada e, en consecuencia, limitando o uso do plástico, se aforre en prexuízo contra o medio ambiente.

Pedir agua da billa nos bares é cada vez máis frecuente, que o establecemento a ofreza, a cobre ou non, depende da súa vontade, non están obrigados a que sexa de balde. En París ou Praga si que os restaurantes teñen a obriga de dar auga gratis aos clientes. A Unión Europea propón que sexa así en todos os estados. Desde Bruxelas levan tempo propoñendo que bares e restaurantes dean auga da billa gratis e que se obrigue ás administracións a instalar e manter fontes exteriores e interiores de auga en espazos públicos. Trátase de que aumente a confianza na auga da billa e, tamén, de cambiar os hábitos de consumo.

Unha botella de plástico produce residuos que tardan en desaparecer, de media, uns cincocentos anos. Moitos deses plásticos quedan no mar. Cada ano, en toda a Unión Europea prodúcense vinte e cinco millóns de toneladas de residuos de plástico.

Usando menos botellas plásticas de auga, a Comisión Europea calcula que se poderían aforrar, ademais de prexuízos ambientais, tamén cartos, uns seiscentos millóns de euros cada ano nos fogares. De media, cada español consume, ao día, uns cento trinta litros de auga.


 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

11/03/2019