CRTVG

Buscar

A UE prohibe o uso do bisfenol nos tíckets de compra pola súa toxicidade

Publicado o 05/11/2019 15:43

O 90% dos recibos das compras conteñen bisfenol A, unha substancia relacionada co cancro e a infertilidade. Para protexer os traballadores dos comercios, a UE vai prohibir este tipo de papel nos tíckets a partir de 2020. Unha medida que devolve á actualidade os perigos dunha substancia coa que convivimos diariamente.

Nos recibos da compra, nas latas de comida e bebida, nos xoguetes, mesmo nos biberóns. O bisfenol A ou BPA forma parte da vida diaria, malia estar catalogado como tóxico para a reprodución en animais.

Natalia Crespo, directora do Laboratorio de Consumo de Galicia: "Pode producir infertilidade e tamén cancro no sistema reprodutor, polo que este tipo de compostos poden ter diversas interaccións negativas co organismo".

A comunidade científica aínda non chegou a un consenso sobre os perigos do BPA nas persoas. Pero a UE está a lexislar preventivamente para protexer os grupos máis vulnerables. Comezaron polos nenos, rebaixando a súa presenza en xoguetes e prohibindo o BPA en envases de alimentación infantil.

Natalia Crespo, directora do Laboratorio de Consumo de Galicia: "Está prohibido, sexa en botellas como poden ser os biberóns, ou sexa en latas que conteñan alimentos infantís como poden ser o leite en po ou tamén os potitos".

O bisfenol tamén está presente no papel dos recibos máis comúns, eses que se borran e desprenden po ao tocalos. O contacto continuado podería ser un perigo para os traballadores das tendas, así que a Unión Europea tomou a decisión de prohibilos a partir de xaneiro de 2020.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

05/11/2019