CRTVG

Buscar

A UE priorizará investimentos nas farmacéuticas que cumpren os contratos

Publicado o 25/03/2021 23:14

• Von der Leyen: "AstraZeneca ten que poñerse ao día para poder exportar" | Sánchez aprema a UE para que entre en vigor canto antes o pasaporte de vacinación

 

A UE priorizará investimentos nas farmacéuticas que cumpren os contratos

A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, sinalou este xoves que o bloque comunitario está interesado en "intensificar a súa cooperación" coas compañías que demostraron ser fiables nas súas entregas de vacinas no primeiro trimestre de 2021, como é o caso de Pfizer e Moderna. "O noso interese é intensificar a cooperación coas empresas fiables que demostraron que poden incrementar e cumprir os seus contratos nos próximos anos e tamén investir nelas. Nunha era de pandemias, é a forma correcta de avanzar", sinalou Von der Leyen na conferencia de prensa posterior ao cumio europeo telemático.

A alemá sinalou que a Unión Europea ten un "forte interese en expandir a produción de vacinas na UE" para prepararse para os próximos anos ante posibles novas variantes do coronavirus ou para cando haxa que renovar a inmunización dos europeos contra a covid−19. Aínda que non fixo referencia a ningunha compañía concreta con este comentario, as dúas que cumpriron os seus contratos con Bruxelas nos tres primeiros meses do ano foron Pfizer, que entregou un millón máis dos 65 aos que se comprometeu, e Moderna, cos dez millóns que pactara coa Comisión.

Moi lonxe de alcanzar as súas metas contractuais quedou AstraZeneca, cuxo compromiso se reduciu a 30 millóns fronte aos 120 iniciais, segundo datos actualizados este mesmo xoves por Bruxelas, e que tamén prevé incumprir o contrato no segundo trimestre do ano.

Con vistas a evitar que AstraZeneca siga exportando a outras rexións vacinas producidas en territorio comunitario mentres non chega a cumprir os seus contratos coa UE, a Comisión Europea optou esta semana por endurecer o seu mecanismo para controlar as exportacións destes fármacos. "As empresas teñen que honrar os seus contratos coa UE antes de exportar a outras rexións do mundo. Este é o caso de AstraZeneca; está claro que esta empresa ten que poñerse ao día e cumprir o seu contrato cos Estados membros antes de que poida volver exportar vacinas", resumiu Von der Leyen.

Sánchez aprema a UE a que entre en vigor o certificado de vacinación 

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, apremou este xoves o resto de líderes europeos para que entre en vigor canto antes o certificado verde dixital, que incluirá datos como a vacinación contra o coronavirus, para recuperar a mobilidade segura no seo da UE. Sánchez defendeu a urxencia na implantación dese certificado na súa intervención na reunión do Consello Europeo que celebraron os líderes comunitarios con carácter telemático. Nesa reunión, todos eles puideron conversar tamén de forma telemática co presidente dos Estados Unidos Joe Biden tras a invitación que lle trasladou o presidente do Consello Charles Michel para este primeiro contacto.

A loita contra a pandemia foi un dos eixos da reunión dos xefes de Estado e de Goberno da UE, que trataron o futuro certificado verde dixital. Sánchez, segundo o Goberno, resaltou tamén a importancia de acelerar o proceso de vacinación e asegurar a subministración de materias primas, materiais intermedios e de uso único na Unión Europea. A iso uniu que se faga cumprir ás farmacéuticas os seus compromisos adquiridos. Ademais, apoiou xunto ao resto de líderes a proposta da Comisión Europea para fortalecer o mecanismo de transparencia de exportación de vacinas conforme a criterios de reciprocidade e proporcionalidade.

Sánchez defendeu así mesmo o acceso universal, equitativo e alcanzable ás ferramentas de loita contra a pandemia, incluído o desenvolvemento e distribución de vacinas a través de COVAX, e solicitou dar un impulso ao mecanismo europeo para compartir vacinas coa vista posta en realizar doazóns significativas a América Latina. 

Merkel ve "notables problemas legais" para prohibir vacacións no estranxeiro

A chanceler alemá Angela Merkel ratificou hoxe o propósito do seu goberno de "restrinxir" as viaxes vacacionais ao estranxeiro pola pandemia, aínda que admitiu que existen "notables problemas legais" para tratar de implantar a súa prohibición. "Non podemos comportarnos de forma contraria á lei", afirmou a líder alemá nunha comparecencia ante os medios tras o cumio.

Noticias web

25/03/2021