CRTVG

Buscar

A UE prioriza a axuda a países veciños de Afganistán, e a acollida de refuxiados será voluntaria

Publicado o 31/08/2021 19:15
A UE prioriza a axuda a países veciños de Afganistán, e a acollida de refuxiados será voluntaria
EUROPA PRESS

Os ministros do Interior da Unión Europea acordaron este martes aumentar o seu apoio económico a países veciños de Afganistán para que xestionen os fluxos migratorios derivados da chegada ao poder dos talibáns e evitar así que cheguen ás fronteiras europeas e ao tempo pactaron que a acollida de refuxiados no bloque será voluntaria.

Os Vinte e sete reuníronse de maneira extraordinaria en Bruxelas co obxectivo de articular unha resposta común ás consecuencias da crise afgá coa intención principal de evitar que se repita o escenario de 2015, cando chegaron ás fronteiras exteriores da UE centos de miles de migrantes. 

"A UE comprometerá e fortalecerá o seu apoio a terceiros países, en particular aos países veciños e de tránsito que albergan grandes cantidades de migrantes e refuxiados, para que reforcen a súa capacidade de dar protección, condicións dignas e seguras e unha subsistencia sostible para os refuxiados e as comunidades de acollida", sinala o texto pactado polos ministros europeos do Interior.   

Tamén se comprometen a traballar cos países da rexión e actuar "conxuntamente" para "evitar a repetición de movementos incontrolados e a grande escala de inmigración ilegal que sucederon no pasado" a través dunha "resposta coordinada e ordenada".   

"Deben evitarse incentivos á migración ilegal", remarcan os Vinte e sete na súa declaración, en que engaden que "como parte dos esforzos globais, poderíase dar apoio en forma de reasentamento (de refuxiados) de maneira voluntaria" e dando prioridade a colectivos "vulnerables" como mulleres e menores de idade. 

 

Noticias web

31/08/2021