A UE pode axudar con máis de 400 millóns as Canarias
Ante as perdas materiais millonarias que están a provocar as erupcións volcánicas da illa da Palma xa se fala de axudas extraordinarias da Unión Europea.
O presidente canario calcula que poderían recibir preto de 400 millóns de euros en fondos comunitarios. 400 millóns de euros ou mesmo algo máis, que chegarían do Fondo de Solidariedade da Unión Europea, un mecanismo financeiro para dar resposta a grandes catástrofes naturais. Ata o 1 % do PIB das Canarias, como calcularon algúns eurodeputados ao comezo das erupcións. O Fondo de Solidariedade xa axudou a España, por exemplo cando afundiu o Prestige ou máis recentemente nos tremores en Lorca.
O requisito é que as perdas superen os 400 millóns de euros. O reconto oficial na illa da Palma aínda queda lonxe, pero os danos materiais de casas, estradas, tendidos eléctricos ou edificios públicos superarán esa cifra. As reparacións financiaríanse con estes fondos europeos. O Goberno das Canarias tamén pode demandar que o Mecanismo de Protección Civil da UE financie a coordinación e loxística dos equipos de rescate e emerxencias. Unha posibilidade que xa estuda Bruxelas.