CRTVG

Buscar

A UE non considera as medidas españolas para reformar o mercado grosista da electricidade

Publicado o 13/10/2021 21:51

A Comisión Europea presentou hoxe unha batería de medidas para mitigar a crise dos prezos da luz que se vive no continente. Entre as súas propostas non está a reforma do mercado grosista, como pedía o Goberno español. Pero si aposta por medidas importantes no mercado do gas.

O actual mercado grosista da electricidade funciona dun xeito común en toda a UE. Os prezos da luz confórmanse cando entran todas as fontes enerxéticas e o gas está a encarecer a factura.

Bruxelas recoñece que o prezo deste hidrocarburo é nove veces superior aos dereitos de emisión de CO₂ que pagan as industrias. Pero aínda así desoe a petición española para reformar ese mercado.

Si estudará crear reservas estratéxicas de gas e as compras conxuntas por parte dos Estados membros. A petición apóiana tamén Francia, Grecia ou a República Checa.

Pero as medidas presentadas pola Comisión non son a revolución enerxética que quería o Goberno. E baséanse principalmente en exencións temporais ou recortes fiscais na electricidade que pagan as familias. E pagamentos sociais ás familias máis vulnerables que teñan problemas coas facturas da luz.

Noticias web

13/10/2021