CRTVG

Buscar

A UE intensifica o control sobre as exportacións de vacinas tras a última lea con AstraZeneca

Publicado o 24/03/2021 21:09

As autoridades italianas atoparon case 30 millóns de vacinas no seu territorio, e a primeira hipótese era que o seu destino era o Reino Unido. A situación provocou indignación porque AstraZeneca xa incumprira con Bruxelas outros compromisos de entrega da vacina e, ademais, estes case 30 millóns de doses son o dobre do que a Unión Europea recibiu ata o de agora por parte da empresa farmacéutica.

Porén, AstraZeneca aclarou que 16 millóns desas vacinas tiñan como destino precisamente países da Unión e desmentiu que foran para o Reino Unido. En todo caso, Bruxelas decidiu que a partir de agora se revisarán caso por caso as peticións de exportación de vacinas para outros países de fóra da Unión.

A nova regulación introducirá os conceptos de reciprocidade e proporcionalidade no mecanismo xa existente para outorgar ás farmacéuticas permisos de exportación. Reciprocidade: se un país está freando as entregas de vacinas que corresponden ao continente, a Unión fará o mesmo con el. Proporcionalidade: se un país non europeo vai máis avanzado na súa vacinación ou ten unha situación epidemiolóxica mellor, entón os socios comunitarios poderán bloquear vacinas cara a ese destino e quedar con elas.

Isto último ampararía máis movementos como o de Italia contra Australia. A reciprocidade interprétase como un ataque directo ao Reino Unido, cara a onde a UE xa autorizou entregar 11 millóns de doses sen recibir ningunha a cambio.



Noticias web

24/03/2021