A UE vai debater a proposta de liberar patentes das vacinas contra a covid-19
A presidenta da Comisión Europea (CE), Ursula von der Leyen, asegurou que Europa está preparada para debater a proposta do presidente dos Estados Unidos, Joe Biden, que pretende liberar as patentes das vacinas contra a covid-19.
Segundo dixo na inauguración da conferencia sobre 'O estado da Unión', que se celebra dende Florencia de xeito telemático, a CE está disposta a "debater calquera proposta que aborde a crise de xeito eficaz e pragmático".
Nesta liña, adiantou que en breve se vai facer un chamamento "a todos os países produtores de vacinas para que permitan a exportación e eviten medidas que interrompan as cadeas de subministración".
Campaña de vacinación na UE
Ursula von der Leyen cualificou de "éxito" a campaña de inmunización na Unión Europa onde, ata o momento, se distribuíron ao redor de 200 millóns de doses, "suficientes para vacinar máis da metade da poboación adulta europea polo menos unha vez". "Nin A China nin Rusia se achegan sequera a estas cifras", subliñou.
"Neste momento, mentres falo, estamos a vacinar trinta europeos por segundo. Isto significa que, desde o comezo deste discurso, máis de 12.000 europeos recibiron unha dose (...) e preto de tres millóns de europeos ao día", agregou.
Ademais, afirmou que a UE chegará en xullo ao obxectivo de "administrar as doses suficientes para que o 70 % das persoas adultas estean vacinadas" e explicou que "os Estados Unidos teñen un obxectivo similar", o que demostra "canto se aliñaron" as campañas de vacinación de ambos os dous territorios.
Principal exportador de vacinas
Tamen quixo deixar claro que os países comunitarios avanzan cara este logro "sen deixar de estar aberta ao mundo", xa que "é a principal exportadora de vacinas en todo o mundo e, ata o de agora, enviáronse ao resto do planeta máis de 200 millóns de doses de vacinas producidas en Europa".
"Exporta case tantas vacinas como entrega á súa propia cidadanía. Para ser claros, Europa é a única rexión democrática do mundo que exporta vacinas a grande escala", aseverou.
Denunciou que "outros tentaran aproveitar unha situación difícil para ganancias xeopolíticas" e lembrou que se o virus segue a propagarse pola India, África, O Brasil ou Rusia é un risco grave para todos nós. "É o caldo de cultivo para as variantes. Sabemos que ninguén está a salvo ata que todos estean a salvo".
Novo contrato con BioNTech-Pfizer
Anunciou, ademais, que a UE está preto de asinar un novo contrato con BioNTech-Pfizer para acadar 1.800 millóns de doses de vacinas entre finais de ano e o 2023.
Von der Leyen insistiu en que "Europa demostrou que unha unión de democracias pode dar resultados en tempos de crises. Para a propia cidadanía e para o resto do mundo".
No seu discurso tamén abordou o cambio climático e adiantou que se presentará unha ampla serie de propostas lexislativas antes do verán. "O obxectivo é reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro en, polo menos, un 55 % para 2030".