CRTVG

Buscar

Bos días

A UE e Mercosur negocian en Bos Aires a sinatura do acordo de libre comercio na conferencia da OMC

Publicado o 11/12/2017 09:54

Bos Aires acollerá ata o mércores a undécima conferencia ministerial da Organización Mundial do Comercio, onde os 164 países membros, entre eles España, debaterán as regras do comercio mundial.
Deste encontro podería saír, despois de anos de negociación, o acordo comercial entre a Unión Europea e o Mercosur.

A Arxentina acaba de converterse no primeiro país suramericano en acoller unha conferencia ministerial da Organización Mundial do Comercio, a número 11 en concreto, coa que os países da rexión latinoamericana queren gañar voz entre os 164 membros.

E aínda que as expectativas son baixas sobre este cumio da OMC aquí en Bos Aires, todas as miradas están postas en se a Unión Europea e o Mercosur asinarán o seu ansiado acordo de libre comercio.

Arroupado por outros mandatarios latinoamericanos, o presidente Mauricio Macri avogou na sesión inaugural da OMC pola necesidade de apostar polo multilateralismo para seguir crecendo en sintonía coa realidade social do século XXI.

Mauricio Macri, presidente da Arxentina

"Esta conferencia bríndanos unha oportunidade histórica para fortalecer o sistema multilateral de comercio coa OMC no seu centro".

Non queren que as políticas proteccionistas gañen terreo, e agardan conseguir deste cumio regras máis inclusivas para todos. Especialmente en agricultura e pesca, con menos subsidios para que todos os países compitan en igualdade de condicións.

O mellor escenario para A Arxentina como anfitrioa sería que, logo de anos de negociacións, Bos Aires sexa testemuña da sinatura do tratado de libre comercio entre a Unión Europea e o Mercosur.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Bos días

11/12/2017