A UE confía en que o Constitucional alemán non freará o fondo de recuperación
Bruxelas está convencida de que o Tribunal Constitucional alemán non freará o fondo europeo de recuperación e mantén que as axudas comezarán a chegar no verán. As demandas presentadas por colectivos euroescépticos poderían paralizar a capacidade da Comisión Europea para emitir miles de millóns de euros en nova débeda. Desas emisións masivas dependen os recursos para que España obteña 140.000 millóns de euros cos que loitar contra as consecuencias económicas da pandemia. O Goberno agarda que este ano xa cheguen 27.000 millóns.
Pero o recurso de varios colectivos euroescépticos ante o Constitucional alemán impide que Berlín ratifique xa as normas do fondo de recuperación. E poden paralizar todo o proceso. Na Comisión Europea son optimistas. Confían en que o seu calendario se manterá, que en verán comezarán a emitir cantidades inxentes de débeda en nome de toda a Unión. E que de xeito inmediato sairían as primeiras axudas cara aos estados membros.
Dezaseis socios comunitarios dos 27 xa ratificaron o fondo de recuperación, entre eles España. En Bruxelas tamén están convencidos da legalidade deste instrumento. E non agardan que sexa derrubado polo Constitucional alemán ou a xustiza doutro país.