CRTVG

Buscar

A UE confía en desbloquear o plan de recuperación nos vindeiros días

Publicado o 08/12/2020 18:12
A UE confía en desbloquear o plan de recuperación nos vindeiros días

A Unión Europea (UE) confía en chegar a un acordo nas "próximas horas ou días" para que Hungría e Polonia levanten o seu veto ao plan de recuperación tras a pandemia de coronavirus, aínda que non descarta que finalmente sexa necesario pasar ao plan B e activar o fondo de recuperación sen elas.

"A presidencia alemá está comprometida a continuar traballando ata o final, ata a medianoite do 31 de decembro. Esta é unha semana decisiva", dixo o ministro alemán para Europa, Michael Roth, cuxo país ocupa a presidencia do Consello da UE este semestre e lidera as conversacións con Varsovia e Budapest.

Roth explicou que Alemaña está a manter conversas con Hungría e Polonia para atopar unha solución a Vinte e sete e que esperan "ser capaces de ter éxito nas próximas horas ou días". O ministro alemán matizou así o ultimato dado o luns cando un alto cargo diplomático advertiu de que a UE necesitaba "un acordo ou sinais claras de Hungría e Polonia" como moi tarde este martes e de que, sen estas, "probablemente" pasaría ao "escenario B".

Ambos os países rexeitan o novo mecanismo polo que se condicionarán os fondos europeos a respectar o Estado de Dereito, razón pola cal bloquearon a aprobación do marco financeiro da UE para 2021-2027 e o fondo de recuperación, que en total mobilizarán 1,8 billóns de euros en axudas. Estes tres elementos do paquete, lembrou Roth, están "inextricablemente ligados" na negociación e o acordo para condicionar os fondos ao Estado de Dereito -aprobado por maioría cualificada en novembro- non pode reabrirse.

O ministro alemán subliñou que todos os países fixeron "promesas que queren cumprir" en canto ás axudas para paliar o impacto da pandemia e que todo o acordado deberá ser implementado "o máis rápido posible". 

Budapest e Varsovia non deron aínda o seu brazo para torcer, pero si intensificaron os seus contactos, e o primeiro ministro húngaro, Viktor Orbán, visitará esta tarde Varsovia para reunirse co seu homólogo polaco, Mateusz Morawiecki, tras falar onte por videoconferencia.

As advertencias desde Bruxelas engadiron presión sobre os seus Gobernos, que afrontan críticas internas debido a que quedar fóra do fondo ou atrasar o orzamento conlevaría a perda de miles de millóns de euros para ambos os países.

O cume do próximo xoves e venres en Bruxelas sería a data límite para selar un acordo que poida ser ratificado a tempo para entrar en vigor o 1 de xaneiro de 2021, como estaba previsto, segundo fontes comunitarias. Con todo, o primeiro ministro polaco recoñecía hoxe que podería facer falta unha nova reunión de líderes comunitarios ou alongar a negociación

A Comisión Europea estuda desde hai días as opcións para poñer en marcha o fondo de recuperación sen Polonia e Hungría, unha solución que podería facerse moi rápido para canalizar estas axudas ao resto de socios mentres se logra un acordo a 27. Este podería establecerse a través dunha cooperación reforzada, que permite que os países que queiran (cun mínimo de nove) emprendan accións comúns, cun sistema de avais proporcionados polos Estados para que a Comisión poida emitir débeda sen o respaldo do orzamento, ou cun acordo intergobernamental entre os países participantes.

O marco financeiro plurianual, pola contra, non pode aprobarse sen Hungría e Polonia, co que non podería entrar en vigor o orzamento de 2021 e tería que adoptarse unha sorte de prórroga das contas de 2020 ata que haxa novo orzamento anual. Este sistema conlevaría un recorte que Bruxelas cifra en entre 25.000 e 30.000 millóns de euros e non permitiría seguir financiando algúns programas comunitarios debido a que quedarían sen base legal. Isto afectaría a política de cohesión, o programa Erasmus, o de investigación Horizonte Europea ou o novo Fondo de Transición Xusta.

 

Noticias web

08/12/2020