CRTVG

Buscar

A UE certifica que Galicia vai por bo camiño para erradicar a couza guatemalteca

Publicado o 10/01/2019 20:53

A partir de marzo, poderían comezar a levantarse xa as prohibicións de plantar patacas en Galicia. Un informe oficial da Unión Europea di que as medidas adoptadas nos concellos para loitar contra a couza guatemalteca están acabando coa praga.

Só prexudica as patacas, pero a praga da tecia solanivora ou couza guatemalteca é das difícil erradicación, de corentena, porque por foránea en Galicia non atopa inimigos naturais e porque o insecto, por vivir no tubérculo, pode manterse tanto no campo coma en almacéns e reprodúcese varias veces no ano.

Malia todo, na nosa comunidade vaise por moi bo camiño cara á súa erradicación. Así o conclúe o último informe de inspección da UE que, tras a visita do equipo de especialistas enviados por Bruxelas en setembro, subliña a efectividade das medidas adoptadas, polo que nin seguera fai recomendacións novas para o chan galego.

Por iso, dende a UE instan a manter precisamente as mesmas medidas que ten operativas Galicia dende que, despois de que a praga se detectara por primeira vez, a finais de 2015 en Neda, o Ministerio de Agricultura, en marzo de 2017, por real decreto, prohibiu plantar patacas nos concellos afectados e aplicar medidas para a erradicación da praga que logo a Xunta de Galicia desenvolveu a partir de resolucións administrativas de seu. O foco estivo nos 33 concellos lugueses e coruñeses, os últimos Cariño e Muxía, infestados.

Víctor Novo, xefe do Servizo de Sanidade e Produción Vexetal, Consellería do Medio Rural: "Nesas zonas manterase a prohibición de plantar pataca nesta campaña 2019, segue prohibido o cultivo de pataca nas zonas infestadas. Nas zonas tampón poderase cultivar, pero sempre rexistando a parcela e o produtor. Tamén se manterán as instalacións de trampeo, as trampas para atrapar con feromonas os machos das couzas guatemaltecas en trampas. Tamén se manterá o movemento de pataca dende dentro das zonas demarcadas fóra das zonas delimitadas. Pero, amais, nesas zonas, aínda onde se traen patacas sen couza, de fóra, hai que ter moito coidado porque pode quedar algún insecto que pase a vivir nas outras patacas sas traídas de fóra. Por iso, seguiremos insistindo en que se manteña a limpeza extrema nos almacéns, as medidas hixiénicas precisas para evitalo, nos lugares onde gardan patacas. Ao manter as medidas, esperamos este 2019 xa non recoller máis insectos da couza da patacas nas máis de 1.400 trampas instaladas, co que xa poderemos ir pensando en levantar restricións. Iso si, por lei, hai que mantelas durante dous anos que se contarán, en cada concello, dende a data que nel apareceu esta praga".

Así, dende o servizo de Sanidade e Produción Vexetal, esperan este ano xa non ter que capturar o insecto en ningunhas das 1.400 trampas, e a partir de marzo, desde os dous anos dende a deteción da praga en cada concello, levantar as prohibicións de cultivo de pataca.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

10/01/2019