A UE avanza na posta en marcha do certificado de vacinación

Os países da Unión Europea (UE) avanzaron este xoves na posta en marcha do certificado de vacinación. Acordaron algúns dos aspectos técnicos do documento para telo listo no verán, unha vez conclúan as negociacións entre o Parlamento Europeo e o Consello.
Entre os detalles técnicos acordados polos estados membros figuran a estrutura dos datos, mecanismos como o código QR (que permitirá verificar os certificados en todo o bloque) e a pasarela que fará posible compartir as claves da firma electrónica para comprobar a autenticidade dos certificados sen ningún dato persoal dos titulares.
Tamén describen as implementacións de referencia para o software de emisión dos certificados, unha aplicación para verificalo e un modelo para outra aplicación móbil en que os cidadáns poidan almacenar o documento.
A Comisión Europea lanzou o pasado 17 de marzo a súa proposta para o establecemento destes certificados con vistas a facilitar as viaxes no período estival, para evitar un segundo verán consecutivo con serias limitacións ao movemento por mor da pandemia.
Tras a proposta, as tres institucións deben negociar o formato final do certificado, unhas conversas que previsiblemente terán lugar durante o mes de maio, para que o certificado se poña en marcha a finais de xuño.
O Consello xa acordou unha posición negociadora para emprender estas conversas e o Parlamento Europeo prevé adoptala no seu pleno da vindeira semana.