CRTVG

Buscar

A UE aproba que España reciba 21.325 millóns para financiar os ERTE

Publicado o 25/09/2020 19:41

Os Estados da Unión Europea (UE) deron este venres luz verde para que España reciba 21.325 millóns de euros en préstamos do fondo comunitario contra o desemprego para financiar os ERTE, as prestacións por cesamento de actividade ou as axudas ao emprego no sector turístico aprobadas pola pandemia.

O Consello da UE aprobou conceder 87.400 millóns de euros en créditos a 16 países deste fondo, bautizado como SURE, que contará con 100.000 millóns de euros financiados grazas á emisión de débeda por parte da Comisión Europea. Os socios comunitarios terminaron de constituír esta semana os avais públicos para apoiar estas emisións, co que o Executivo comunitario poderá comezar xa a tomar prestado no mercado.

España terá que asinar agora coa Comisión un acordo de préstamo que fixe os desembolsos e prazos de vencemento. Está previsto que o diñeiro estea dispoñible durante 18 meses e que o vencemento sexa de máximo 15 anos. España será a segunda beneficiaria do fondo SURE, só por detrás de Italia, que recibirá 27.400 millóns de euros, segundo o acordo aprobado hoxe. 

Noticias web

25/09/2020